Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/12/2024 | Actualizada ás 21:50
Nun momento no que os condicionantes climáticos fixeron evidente a necesidade de cambiar o modelo enerxético actual, seguen existindo moitas dudas de cal é a fonte de enerxía futura correcta para desenvolver e apostar por investir nela. Aínda que sen dúbida semella que cara onde se encamiña a cousa é cara as renovables, dentro destas hai tres que son as que pegan con máis forza na actualidade: a eólica, a fotovoltaica e a hidráulica, pero ningunha está exenta de problemas e críticas sociais. Sen embargo, e aínda que no pasado se fixeron intentos por tratar de buscar o seu axeitado e seguro desenvolvemento, hai unha enerxía que pasa desapercibida por parte da sociedade como posible opción ou que mesmo é rexeitada e vista con malos ollos por moita xente, condenándoa máis que aos parques eólicos: a enerxía nuclear. Os tráxicos acontecementos do pasado nestas centrais (Chernóbil ou Fukushima son os máis coñecidos) fixeron que a poboación rexeite o feito de vivir preto dunha destas centrais, o empregar a súa enerxía e o que se plantexe como fonte futura. O Galicia Confidencial fala con Ignacio Durán Escribano, profesor emérito Ad-Honorem da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e consultor da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA), que nos desmonta moitos mitos arredor da enerxía nuclear e nos fala das súas posibilidades a futuro.
O primeiro é comezar por coñecer de onde parte o emprego da enerxía nuclear como unha posible alternativa ás fontes de enerxía fósiles. "A partir de mediados do século pasado, en pleno desenvolvemento industrial, tras as dúas grandes guerras, plantéxase o problema do colapso enerxético que produciría un constante aumento da demanda enerxética fronte a unha paulatina diminución dos recursos, basicamente do carbón e dos derivados do petróleo", explica Durán Escribano. Neste contexto, "a resposta chegou da man do desenvolvemento dos reactores nucleares para a xeración de electricidade". Iso iso, como confesa, "estes novos reactores tiñan tres inconvenientes graves: a súa sofisticada tecnoloxía, a proliferación de elementos radioactivos susceptibles de uso militar e o control dos refugallos de longa vida media". Este esquema levou a plantexar unha difícil disxuntiva: "ou a seguridade do suministro eléctrico, ou a seguridade fronte ao descontrol da radioactividade, tan temida despois das bombas de Hiroshima e Nagasaki", ataques nucleares ordenados por Estados Unidos sobre Xapón efectuados o 6 e o 9 de agosto de 1945 que remataron coa vida de entre 105.000 e 120.000 persoas, ferindo a outras 130.000. Ata a data, estes bombardeos constitúen os únicos ataques nucleares da historia.
"TRAS O CUMIO DE KIOTO, VIUSE QUE NON CHEGABA SUBSTITUÍR O CARBÓN POLO GAS, POIS O AUMENTO DO CO2 NA ATMOSFERA ERA MAIOR DO QUE SE PENSABA"
Como se abordou a problemática entón? Para evitar que esa disxuntiva supuxese un perigo a nivel mundial, decidiuse "manter controlada a tecnoloxía nuclear por uns poucos países e restrinxir a construción de reactores nucleares aos países asinantes do Tratado de non proliferación", isto incluía, basicamente, aos países da OTAN (e os seus aliados) e aos países do bloque soviético. Ao mesmo tempo, neses momentos "creouse o temor á enerxía nuclear en amplos sectores da poboación e moitos países e rexións declaráronse antinucleares". Afortunadamente, como afirma o profesor emérito da USC, "este plantexamento disxuntivo e radical evolucionou e, hoxe en día, non ten o mesmo sentido". Dende as últimas décadas do século pasado, a poboación foi tomando conciencia da existencia do quencemento global, como evidenciou o cumio de Kioto de 1998. Nel plantexouse a urxente necesidade da transición cara fontes de enerxía limpas, descartando as enerxías fósiles e, como apunta Durán Escribano, "sendo o carbón a peor fonte dende todos os puntos de vista, xa que, ademais de liberar CO2, produce feluxes altamente tóxicos".
Con todo, concede que "ao longo destas décadas foise vendo que non chegaba con substituír o carbón polo gas, posto que o ritmo de crecemento da concentración de CO2 na atmosfera é moito maior do que se pensaba nun comezo e a capacidade de absorción nos océanos non é suficiente como para acadar un equilibrio sostible a medio prazo". Deste xeito, "e segundo foi mellorando o coñecemento, en base a parámetros medibles, da mala calidade do aire atmosférico e das augas mariñas, veuse que é urxente reducir tamén o consumo de combustibles derivados do petróleo, o cal conduce a unha cada vez maior necesidade de electrificar tanto o transporte (barcos, avións, trens e automóbiles) a base dunha enerxía eléctrica producida unicamente por fontes limpas". Entre esas fontes limpas e seguras, atópanse os reactores nucleares, iso si, sempre que se logren solventar os tres problemas cos que xurdiron: a sofisticada tecnoloxía, a proliferación de elementos radioactivos susceptibles de uso militar e o control dos refugallos de longa vida media. Agora ben, como precisa Durán Escribano, "unha cousa é a análise científica do problema e outra a percepción dos riscos por parte da poboación e o manexo que diso fagan os políticos".
"A PRINCIPAL VANTAXE DA NUCLEAR É A SEGURIDADE DA SUBMINISTRACIÓN FRONTE Á INEVITABLE VARIABILIDADE DAS FONTES DE ORIXE NATURAL"
Para Durán Escribano, a enerxía nuclear debería ser considerada a día de hoxe como "un complemento das renovables dentro dunha rede eléctrica de escala nacional". "A súa pegada de carbono é mínima e estímase que no 'mix' ideal debería incluírse un 20 % de enerxía nuclear, alo menos na previsión de cara aos próximos 40 anos", apunta. E pon o exemplo dos países máis contaminantes do mundo (China, India e Estados Unidos), nos que "xa se están construíndo máis reactores de nova xeración e reconfigurando os existentes para poder pechar así as plantas de combustibles fósiles, ao mesmo tempo que están aumentando a un ritmo acelerado as enerxías eólica e solar, das que non habería que prescindir tampouco". En concreto, apunta a que a súa principal vantaxe "radica na seguridade da subministración fronte á inevitable variabilidade e intermitencia das fontes de orixe natural en función da climatoloxía, como lle acontece á enerxía solar, á eólica e á hidráulica", pois "aínda que unha parte desa variabilidade pode ser amortiguada mediante distintas tecnoloxías de almacenamento masivo de enerxía, fundamentalmente o bombeo hidráulico entre dous pantanos a distinta altura, a construción de xigabaterías e a xeración de hidróxeno", o consultor da IAEA pregúntase "ata onde, a que prezo e en que escala de tempo?".
Por outra banda, no tocante ao prezo, o profesor emérito indica que "o prezo do quilovatio-hora (kWh) nuclear é equivalente ao das renovables, aínda que é difícil dar valores absolutos debido aos distintos impostos e subvencións". Con todo, "o custe financieiro da construción de novos reactores é tamén equivalente ao almacenamento masivo que requiren as fontes intermitentes, mentres que o seu impacto ecolóxico é moito menor". Ademais, Durán Escribano apunta a que "estas vantaxes económicas da enerxía nuclear aumentan co factor da escala, e hai que ter en conta que nos enfrontamos á necesidade de duplicar a xeración de electricidade nos próximos 25 anos". Para poder lograr semellante reto, "hai que redeseñar e reforzar a rede de distribución, resultando máis favorable un deseño que inclúa o mantemento dos reactores actuais, xunto á construción dos novos reactores, sobre todo pensando nos pequenos reactores modulares de nova xeración (SMR)". Así mesmo, no tocante á rentabilidade financieira, "hai que falar do prezo do diñeiro e das subvencións", que tamén "veñen distorsionar as consideracións económicas do curto, medio e longo prazo", puntualiza.
"A COMISIÓN EUROPEA XA INCLUÍU NA SÚA ESTRATEXIA A ENERXÍA NUCLEAR ENTRE AS PRIORIDADES PARA AUMENTAR UNHA ELECTRICIDADE LIMPA E SEGURA"
Así as cousas, para o profesor emérito e consultor da IAEA, a día de hoxe, o único obstáculo que está freando e evitando o desenvolvemento do parque de reactores nucleares é "puramente político", xa que "corresponde ao Goberno central a xestión dos problemas sociais e económicos desta escala". "Os datos de custes, fiabilidade, seguridade de subministración e risco de accidentes están aí, pero a desinformación fai que a percepción por parte da cidadanía das vantaxes e riscos estea distorsionada". Ademais, Durán Escribano tamén cre que "a percepción dos riscos por parte da poboación é unha cuestión cultural". "Toda actividade industrial ten un impacto global e a xestión do risco ten que plantexarse dende unha axeitada valoración do dilema risco-beneficio", apunta, indicando que "a xeración de electricidade limpa é un beneficio social e non só económico". Por iso, considera que "o risco ten que avaliarse en base á experiencia adquirida e, os argumentos que eran válidos fai unhas décadas, hoxe por hoxe xa non o son, sobre todo ao considerar os novos equilibrios xeopolíticos e a urxencia de enfrontarse ao quencemento global".
Con todo, amósase consciente de que "é precisa unha vontade política" e, neste senso, "para adaptarse aos novos tempos a Comisión Europea cambiou de estratexia, incluíndo a enerxía nuclear entre as prioridades para poder afrontar o aumento do consumo dunha electricidade limpa e segura". No tocante á investigación, "o cambio recente máis importante é o desenvolvemento dos chamados SMR (os pequenos reactores modulares), que son a maior aposta de Estados Unidos e Rusia, e que, xunto aos reactores grandes que se están construíndo, comezaron o proceso de selección entre os modelos existentes no mercado actual". Varios países da Unión Europea, competidores de España, estableceron xa contactos con distintos fabricantes. "A clara vantaxe dos SMR é a súa mellor adaptación ás necesidades da rede de distribución, con inversións graduais" e que "se basean en deseños altamente probados, reducindo o tamaño e conseguindo así simplificar o proceso de contratación e construción", explica Durán Escribano. Actualmente, hai da orde dunha ducia de fabricantes con deseños homologados, o que permite unha maior axilidade comercial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.