Unha forte discusión no PPdeG que case chegou ás mans deixa o goberno de Pazos de Borbén en minoría

Un edil popular insultou e estivo a punto de agredir a un compañeira deste partido político que, finalmente, decidiu darse de baixa e pasar ao grupo dos non adscritos. Agora pide a dimisión do seu ex compañeiro.

Por Galicia Confidencial | Pazos de Borbén | 28/02/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Pazos de Borbén (Pontevedra) está en minoría. E todo por unha forte discusión entre edís do PPdeG que case acabou en agresións físicas. Así o relatou no pleno do pasado luns 26 de febreiro a concelleira Lorena Domínguez, que decidiu abandonou o grupo municipal do PP para continuar na corporación como concelleira non adscrita. Isto deixa ao goberno de Andrés Iglesias en minoría, con 5 concelleiros de 11. 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, co alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, co alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias | Fonte: xunta.gal

Domínguez presentou unha moción, na que propoñía ao Pleno solicitar a dimisión do ata entón compañeiro seu no PP, César Gómez, e  explicou os motivos. Segundo denunciou, tanto ela como outra concelleira, Teresa Barral, recibiron graves insultos e ameazas por parte de César Gómez no transcurso dunha reunión de traballo do grupo popular. Ata o punto de que outras persoas presentes se tiveron que interpoñer ante o risco de agresións físicas. 

O voceiro do PP, Severino Reguera, tentou desmentir as palabras desta concelleira. Admitiu a existencia de tensións nesa xuntanza de traballo, pero negou que se deran eses insultos e ameazas. Sen embargo, estas afirmacións foron desmentidas por Teresa Barral. “Esta concelleira, aínda que non denunciara o trato degradante que tamén ela recibira, si que corroborou punto por punto o manifestado pola súa compañeira Lorena Domínguez, deixando en evidencias as mentiras de Severino Reguera que tentaban encubrir este episodio violento”, apuntan desde Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén.

O ALCALDE NEGOU A VOTACIÓN

Finalmente, o Pleno non puido tomar unha posición respecto da solicitude de dimisión de César Gómez. “Nun xesto autoritario e antidemocrático o alcalde, Andrés Iglesias, impediu que se puidera votar este asunto. Iso si, cando non puido negar as evidencias anunciou que César Gómez presentaría a súa dimisión”, engadiu este grupo.

De feito, tamén Alternativa Veciñal comparte que César Gómez debe dimitir. “Unha persoa que amosa comportamentos violentos, lanzando graves insultos e ameazas de agresións físicas, non é digna de ostentar un cargo público. Pero entendemos que, por decencia e dignidade da institución municipal, tamén debían dimitir todas as persoas que mentiron ou calaron para agochar estes feitos, amparando a quen agrede e deixando desprotexidas ás agredidas: o alcalde, Andrés Iglesias, e o 1º e 2º tenentes de alcalde, Severino Reguera e Francisco Amoedo”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta