Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/03/2018 | Actualizada ás 18:18
A Deputación de Lugo quere que os seus maiores teñan acceso universal aos centros de maiores desta institución. Así o anunciou o seu presidente, Darío Campos Conde, e os alcaldes da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo; Pol, Lino Rodríguez Ónega; Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega; Trabada, Mayra García Bermúdez; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; e Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.
Todos eles asinaron este mércores o protocolo de colaboración entre a Deputación e os concellos para a posta en marcha das residencias e centros de día. Este documento define o modelo de xestión e o acceso ás prazas de ditas instalacións que acordaron os Concellos, respectando a autonomía municipal e cumprindo coa legalidade.
O protocolo recolle que os centros de maiores teñan unha xestión pública dende a Deputación e os concellos; que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día, en segundo termo para os dos municipios limítrofes e da Comarca e logo para lucenses en xeral; e que todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poidan acceder as prazas.
Son 190 de residencia e máis de 90 de centro de días as que se ofrecen nas instalacións da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Ribadeo. Para elo, terase en conta a distinta capacidade económica de cada un dos usuarios a hora de definir o custo da praza. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico nos centros dos Concellos de menos de 5.000 habitantes por seren os de menos recursos económicos. Se os municipios contan cunha poboación maior, este déficit asumirao o Concello. Isto garante o acceso universal de todos os lucenses ás residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.
CRÍTICAS Á XUNTA
Campos Conde dixo que este acordo se fixo porque a Xunta de Galicia, a administración galega responsable deste servizo universal, “negouse a facer centros de maiores públicos” na provincia a pesares da súa grande necesidade. “Deste xeito, dende a Deputación fixemos un esforzo inversor de máis de 10 millóns de euros tan só na construción dos centros de maiores da Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribas de Sil, Trabada e Ribadeo”, engadiu.
“Como Alcalde que son sempre defendín a autonomía municipal; evidentemente, o cumprimento da legalidade, pois non pode ser doutro xeito; e que os centros da terceira idade, un proxecto que naceu para satisfacer unha das grandes necesidades dos nosos veciños, feito ademais con fondos públicos dos lucenses, cumpra co seu cometido: atender aos nosos maiores por igual, independente da súa situación económica.”, explicou.
VANTAXES
Campos Conde explicou as vantaxes dos centros de maiores da Deputación nos concellos con respecto aos públicos da Xunta de Galicia e dixo que os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica. Tamén que terán praza no seu propio concello ou nun limítrofe e que se garante o acceso universal de todos os lucenses aos centros de maiores con independencia da súa capacidade económica.
O conxunto dos alcaldes asinantes do acordo destacaron esta iniciativa e tamén criticaron á Xunta por esquecer a Lugo e á Galicia do interior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.