Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/03/2018 | Actualizada ás 10:00
“Desmontando o amor romántico” foi o nome da charla impartida pola senadora de EU, e vinculada a En Marea, Vanessa Angustia, coa que rematan os actos organizados por Esquerda Unida dentro da campaña “Co feminismo nos talóns: Que non che conten películas!”. Unhas xornadas que remataron coa afirmación de que o amor romántico non existe porque “é froito do patriarcado”.
“É imposible entender o amor romántico sen entender o patriarcado, que establece un sistema de dominación sexual. Concretamente, é a partir dos anos 70 cando as feministas teorizan sobre o patriarcado e a cuestión de dominación machista, unha estratexia na que se deixa ás mulleres como as responsables das tarefas do fogar ou dos coidados”, destacou a senadora.
“As mulleres vivimos con culpabilidade, xa que é moi difícil ter liberdade cando non podemos decidir sobre os nosos propios corpos, vidas ou sexualidade: a ferramenta que domina o patriarcado”, indicou. En “Desmontando o Amor Romántico”, Angustia indicou que, “sobre todas as formas de amor que existen, o amor romántico susténtase nunha serie de mitos que poden dar lugar a situacións non desexables dentro das relacións afectivas”.
“Un problema da parella patriarcal é que acaba por ser unha institución política que está sustentada pola ‘heteronormalidade’, xa que para a sociedade só existe unha opción sexual, algo que non é certo. Limitar as nosas opcións sexuais é unha ferramenta de control masculina e machista, unha forma de ter garantido o acceso sexual ás mulleres e unha imposición pola que construír un proxecto de amor”, sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.