Lugo acollerá o primeiro gran encontro de cómic histórico de Galicia

Será dentro das actividades do Arde Lucus 2018 e contará coa participación dalgúns dos principais ilustradores de cómic histórico de Galicia. Estará aberto á participación cidadá para aprender a ilustrar romanos ou castrexas.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 24/03/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O comic histórico chega ao Arde Lvcvs cunha interesante proposta, a realización do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. Unha interesante actividade na que participarán algúns dos principais ilustradores históricos de Galicia e que está aberta á participación dos amantes da historia e do cómic.

Cartel do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que terá lugar durante o Arde Lucus cos principais ilustradores de cómic de Galicia
Cartel do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que terá lugar durante o Arde Lucus cos principais ilustradores de cómic de Galicia

Galicia é rica en historia, tanto, que pasa por ser o primeiro gran reino de Europa. Por iso, non é de estrañar que haxa lexións de seguidores das distintas temáticas desta historia, desde o Paleolítico, ata a Galicia contemporánea. E tampouco estraña que haxa grandes ilustradores galegos que se adiquen a recrear en debuxos esa rica historia.

Precisamente, algúns deles; Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro ou Manel Cráneo participarán no I Encontro de Banda Deseñada HIstórica de Galicia. Esta innovadora proposta, impulsada polo Concello de Lugo e na que colabora o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial, toma forma por primeira vez en Galicia no Arde Lucus e estará dividida en dúas partes; unha máis didáctica e educativa e outra práctica, que terán lugar en abril e xuño deste ano.

Así, a primeira parte do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia terá lugar desde o 6 de abril ao 21, constará de tres sesións teóricas e dous obradoiros prácticos. Nos primeiros participarán os ilustradores Manel Cráneo, Pepe Carreiro e José Barreiro que falarán da banda deseñada histórica en Galicia, especialmente, da época romana e castrexa.

ROMANOS E CASTREXAS

Manel Cráneo abordará o venres 6 de abril o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Pepe Carreiro, o creador dos Bolecha, abordará o día 13 de abril o mundo dos Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada e José Barreiro, o venres 10, Roma na banda deseñada. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Ilustración dun portaestandarte romano da antiga Lugo, Lucus Augusti
Ilustración dun portaestandarte romano da antiga Lugo, Lucus Augusti

Pola súa banda, os obradoiros prácticos terán lugar o sábado 14 e o sábado 21 tamén no MIHL, pero en horario de 11.00 a 13.00 horas. O primeiro para nenos e o segundo para adultos. Nestas sesións, os ilustradores Victor Boullón e o lucense Miguel Fernández ensinaránlle aos participantes a debuxar romanos e romanas e castrexas e castrexos. As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir a través do 010 ou no 982297350 para as de fóra de Lugo. Trátase de aproveitar a presenza dos ilustradores para ilustrar certas temáticas da vida galaico-romana da época. 

Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia.

ILUSTRADORES EN VIVO

Xa en xuño terá lugar a segunda parte deste ciclo de banda deseñada. Os seis ilustradores especializados en xénero histórico percorrerán o sábado 16 de xuño os puntos fundamentais do Arde Lvcvs e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade e da festa. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a través da representación historiada que veciños e asociacións fan durante esta festa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta