Alertan que nas Catedrais "se pode producir unha catástrofe enorme", tras a morte dunha moza

O falecemento dunha muller pola caída dunha rocha reabre o debate sobre a seguridade e o sistema de visitas á praia de Augas Santas. Augusto Pérez Alberti, catedrático da Universidade de Santiago, avisou hai meses dos riscos do "exceso" de visitantes e da necesidade de regular as visitas a zonas de cantís. A Xunta deféndese e sostén que o seu plan de acceso está baseado nun estudo rigoroso, cualificado polo experto da USC como "nefasto". A praia permanece pechada.

Por Europa Press / Redacción | Ribadeo | 31/03/2018 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

O "risco" existente na Praia das Catedrais para os visitantes e o "exceso" de persoas que accedían de forma regulada, e que superaba as 4.000 ao día, foi denunciado en reiteradas ocasións polo catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Augusto Pérez Alberti, que asegurou que "a Xunta tería que escoitar aos investigadores" e "non pode dicir que non se avisou". Porén, O Goberno galego defende que o número de visitas fixado polo plan de accesos se fixo en base a un estudo rigoroso que o experto da USC cualifica de "nefasto"

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais

Pérez Alberti lamentou "moitísimo" o tráxico falecemento da moza á que lle caeu unha rocha sobre a cabeza cando estaba nas covas da Praia das Catedrais minutos antes das 15,00 horas deste sábado.

"Eu creo que isto era previsible. Levo dicindo moito tempo que as visitas a zonas de cantís teñen que estar moito máis reguladas, que me parecía un erro que tanta xente puidese acceder á zona das Catedrais, porque é un espazo reducido e con covas", explicou.

Á Praia das Catedrais só se pode acceder cun permiso previo que concede a Xunta de Galicia. O sistema activouse na Semana Santa de 2016 e recolle un máximo de 4.812 visitantes ao día. Unha cifra que Augusto Pérez Alberti sostén que é excesiva, e que debería reducirse, estimando que "até 800 serían moitos". Así, explica que "os acantilados non teñen uns ritmos estables, son moi aleatorios e inestables, poden pasar temporadas ou longos períodos de tempo estables pero en determinado momento caen".

Pérez Alberti sinala que os cantís "en momentos moi puntuais, por exemplo, en períodos de choivas teñen unha sobrecarga hidrostática nas rochas, e iso provoca movementos en masa, que poden derivar en que caia unha parte ou caia todo en masa", como lembra que sucedeu noutros lugares como o Algarve ou Asturias.

"Levo moitos anos traballando e sempre dicía que oxalá que non pase aquí, pero pasou noutros lugares e podía pasar aquí. Eu só son un estudoso", comenta.

Ademais, o experto da USC engade que a regulación debería ser maior aínda ante episodios de choiva, que provocan que sexan "os peores días para achegarse", posto que "os polos están moi dilatados, o peso é maior". Para facer máis comprensibles as súas explicacións pon como exemplo o proceso que sofre un "talude dunha estrada", na que pode haber desprendementos tras intensas choivas.

ESPAZO NATURAL PROTEXIDO

No caso concreto das Catedrais lembra que é un espazo natural protexido polos seus valores, e tacha de "excesivo" o número de visitantes permitido pola Xunta de Galicia, ao entender que "é demasiada xente, máis de 4.000 persoas ao día, para un areal tan pequeno".

E advirte: "Pódese producir unha catástrofe enorme, neste caso caeu só unha rocha, pero nos cantís o escultor é o tempo, o mar, a ondada", "inflúe a auga de choiva e a ondada, pero sobre todo a choiva".

CUALIFICA DE "NEFASTO" O INFORME NO QUE SE BASEOU A XUNTA

O Catedrático de Xeografía Física móstrase ademáis moi crítico co informe do que dispuña a Xunta de Galicia sobre as "posibles consecuencias do ascenso do nivel do mar nos procesos erosivos dos cantís no monumento natural da praia das Catedrais", e que chega a definir como "nefasto".

Entre outras consideracións, sostén que "dicir que durante os próximos 100 ou 200 anos non se vai caer é unha profecía que ninguén pode facer", porque os acantilados se moven "por movementos en masa", cando hai un temporal moi forte, unha marea alta ou momentos de alta densidade de choiva.

"A Xunta ten que escoitar aos investigadores, non a un informe calquera; tten que asesorarse", engade o experto, que considera "unha falta de respecto aos investigadores galegos que traballamos no tema que non se nos pregunte". Nesta mesma liña, lamenta que as investigacións que levan a cabo "non teñan unha incidencia na dinámica política, a planificación e na xestión".

CRÍTICAS AO CONCELLO DE RIBADEO

No entanto, tamén dirixe as súas críticas ao Concello de Ribadeo, ao que sinala como coñecedor da postura dos investigadores sobre a situación dos acantilados, porque hai temas "que non son nin de esquerdas nin de dereitas".

Augusto Pérez Alberti xa escribira na súa conta persoal de Twitter, o 20 de xaneiro deste ano, que "se a Xunta acepta o que di o informe se fai responsable de calquera desgraza que se poida producir nas Catedrais" e, dirixíndose tamén a Turismo de Ribadeo, engadía que "na costa galega, como en calqueroutra, o que domina é a inestabilidade. A propia existencia dos arcos e dos ollos é a mellor proba diso".

PRAIA PECHADA

A praia das Catedrais permanece pechada desde que sobre as 15,00 horas deste sábado tras o desprendemento de pedra que provocou a morte á moza de 25 anos, de Valladolid. Tampouco abrirá durante a xornada deste domingo, para que is técnicos realicen unha inspección ocular para determinar o ocorrido. En concreto, serán técnicos da Consellería de Medio Ambiente e axentes da Garda Civil os que analicen o sucedido.

As mesmas fontes sinalan que esta decisión se tomou en coordinación coa Garda Civil, posto que este corpo é o que ten "a potestade", subliñan, nunha área da demarcación de Costas.

Aínda que nun primeiro momento se pensou en balizar a zona de cantís onde se produciron os feitos, finalmente Medio Ambiente e Delegación do Goberno optaron polo peche tamén este domingo.

Co obxectivo de notificarllo a aqueles visitantes que tivesen autorización para visitar a praia este domingo, a Consellería fai público o peche no sitio web das Catedrais.

REGULACIÓN VISITAS

A Xunta activou durante a Semana Santa de 2016 o Plan de Conservación da Praia das Catedrais, co que se empezou a limitar o acceso ao areal.

O programa regulador foi aprobado polo Goberno galego en xuño de 2015 e establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta, é dicir, tanto en Semana Santa como no verán.

Respecto desta cifra, que algúns expertos consideran excesiva, fontes consultadas da Consellería de Medio Ambiente lembran que o plan se fixo con base nun estudo.

Ademais, puntualizan que neste tipo de monumentos naturais sempre existe o perigo de desprendemento e que cando se autoriza a visita ás Catedrais comunícanse tamén estes riscos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Javier sanchez

La verdad que es un peligro muchas veces intentar hacerse una foto en determinados sitios, con la cantidad de aplicaciones para editar fotos que hay para no tener que acercarse tanto para hacerse una foto.

4 PEPIÑO

No sé que estudios habrá hecho el Sr. Pérez Alberti, pero este es un problema de mecánica de rocas y estabilidad de macizos rocosos. Esta es una especialidad propia de ingenieros de minas, ingenieros geotécnicos y geólogos. Si los estudios de este señor no son de este tipo, no consigo saber que es lo que ha investigado. Creo que la Xunta debería encargar un estudio a un especialista en la materia.

1 Fernando G

Geógrafo, que como todo el mundo sabe tiene mucho que ver con el estudio de la estabilidad de macizos rocosos. Pero tranquilo, podía haber sido peor de haber opinado Pontona o alguna filóloga del Bloque.

3 Espectador

Explotar turísticamente los lugares más sensibles desde el punto de vista paisajístico es del género idiota. Típico de países pobres que no tienen otra cosa a la que sacar cuartos que prostituir su patrimonio. Una vez destruido miran para otro lado, y los cuartos se los llevan los cuatro desalmados de siempre; chiringuiteros de tres al cuarto. Y si alguien se muere, pues daños colaterales, ya se sabe.

2 FRIJOLES DIMISIONS

Outra mais do gobernó xunteiro do pepe, están facendo autenticas barbaridades, autenticas sobrexplotacions que poñen en perigo a vida da xente aquí ou nas illas atlánticas, non teñen respeto pola seguridade son temerarios o importante e sacar cartos para empresarios amigos, avisan os científicos e os da xunta rinse despois pasan cousas tremendas... alguen debería dimitir na untada da malicia

1 Dear

A xente pensa que vai a un parque temático, e son rochas no mar.