Villares cre que as discrepancias públicas de En Marea serven para "contrapor" o seu "modelo de ética" ao do PP

Puy (PPdeG) replica: "A min os criterios éticos do xuíz Villares non me suxiren ningunha reflexión".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2018 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, cre que levar ao "público" os debates internos sobre casos relacionados coa "ética", como o da deputada Paula Quinteiro ou o do dimisionario Juan Merlo, serven para que a cidadanía poida "contrapor" os "modelos de ética abismalmente diferentes" que, ao seu xuízo, teñen En Marea e o PP.

Luís Villares en rolda de prensa
Luís Villares en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

En véspera de que se cumpra un mes dos feitos nos que se viu envolta a parlamentaria Paula Quinteiro e que xeraron unha crise interna no seo de En Marea; o seu portavoz, Luís Villares, evitou responder sobre este asunto e se finalmente se convocará unha consulta ás bases sobre a continuidade da parlamentaria no caso de que non decida renunciar á súa acta, como pide Villares e a dirección política do partido instrumental.

Deste xeito, como xa fixo o pasado luns, Villares remitiuse a que ese extremo será avaliado cando Quinteiro "tome a decisión" definitiva. Ademais, confirmou que, polo momento, non é efectiva a renuncia do deputado Juan Merlo porque está pendente de trámites "administrativos" e que aínda non falou coa persoa que pasaría a ocupar o escano deixado polo ex-secretario de Organización de Podemos Galicia, acta que correspondería a Julia Torregrosa, tamén da formación morada.

Villares foi cuestionado sobre a actitude de Merlo na mañá do venres, cando se fixo público que non era enxeñeiro, como así reflectía o seu perfil parlamentario. Juan Merlo compareceu dúas veces ante os medios para ofrecer explicacións pero non anunciou a súa dimisión; renuncia que si presentou publicamente nunha terceira cita cos xornalistas nos corredores do Pazo do Hórreo ao fío do mediodía do venres, logo de recibir presións internas e externas.

"ÉTICA" NO PP E EN MAREA

"O importante dos procesos de reflexión das persoas é como acaban", declarou este luns Villares, que apuntou que o xesto de Merlo "deixou nun lugar moi alto a ética de En Marea".

A continuación, o maxistrado lucense teorizou con que decisións como a do ex-secretario de Organización de Podemos Galicia pon de manifesto que "existen dous modelos de ética: o de En Marea e o do PP".

Así, apuntou que o caso das supostas irregularidades cometidas pola presidenta madrileña, Cristina Cifuentes, na obtención dun máster pola URJC "non ten que ver co de Merlo" porque no da mandataria autonómica "existen indicios de delito".

No entanto, rescatou "casos idénticos" rexistrados nas filas populares "de Galicia, non hai que irse a Madrid" nos que, segundo Villares, o partido de Feijóo non actuou con "transparencia", como no da alcaldesa de Mos (Pontevedra), Nidia Arévalo, —"que se inventou unha titulación en Químicas"— ou o da deputada estatal por Ourense Ana Vázquez Blanco —"á que lle aparecen e desaparecen os másteres"—.

Villares di sentirse "orgulloso" de que os debates de En Marea se dean "en público" porque, ao seu entender, a cidadanía "pode contrapor moi ben os distintos modelos de estar en política que existe en Galicia".

Para concluír, como xa fixo en diferentes ocasións desde o estalido do caso de Quinteiro, o portavoz de En Marea reiterou que o partido instrumental "sairá reforzado" cando se peche definitivamente o asunto.

"A ÉTICA É INDIVIDUAL"

En relación aos "modelos éticos" expostos por Villares, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, replicou que a ética "é individual". "Xa estamos a ver a que aplica cada un", reflexionou, despois de advertir, contundente: "A min os criterios éticos do xuíz Villares non me suxiren ningunha reflexión".

Para acabar de completar a súa resposta, Puy recorreu a unha cita de San Francisco de Asís sobre a humildade, que reza: "A humildade é a confesión sincera da verdade e, todo canto un é, é o que é ante os ollos de Deus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Alen

Calzonazos

2 Alberte

Ética de que renuncie un gayego para os chefes da Complu poderem atacar Cifuentes. Sacrificam un peão da colónia para ganhar Madrí. Quinteiro demitirá quando uma deputada do PP de Madrí rompa retrovisores.

1 4000 euros e Chofer

Merlo xa entregou a dimisión e Hermida tamén renunciou por escrito a coller a acta que lle toca cobrar?