É este graffiti en Ferrol obra de Banksy?

Expertos están tentando verificar a autenticidade da obra. Sería a primeira do artista en Galicia e España. O verán pasado, a marca cervexeira 1906 convidou o enigmático Banksy a facer a súa interpretación máis persoal das Meninas de Velázquez en Ferrol; o que agora apareceu é unha parella da Garda Civil bicándose.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 17/04/2018 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Canido, un barrio da periferia de Ferrol que estaba a sufrir as consecuencias do despoboamento, conta desde hoxe coa que podería ser a primeira obra de Banksy en Galicia e España. A obra respondería así o chamamento que desde o pasado verán a marca cervexeira 1906 (Estrella Galicia) fixo ao famoso artista grafiteiro, convidándoo a facer a súa interpretación máis persoal das Meninas de Velázquez, coincidindo co encontro anual deste movemento artístico que homenaxea ao pintor.

Graffiti no barrio de Canido en Ferrol atribuído a Banksy.
Graffiti no barrio de Canido en Ferrol atribuído a Banksy.

Os responsables do proxecto están tratando de verificar a autenticidade da obra dada a gran expectación espertada ao redor deste tema. Despois de reservar unha parede para que Banksy puidese dar renda solta á súa arte rueira —entre os máis expertos, está considerado un hacker das rúas— co obxectivo de que o mundo puxese os seus ollos no barrio ferrolán, hoxe é un día de incerteza e ilusión para as persoas implicadas neste proxecto, que atoparon unha posible resposta ao chamamento.

Con todo, o graffiti non ten forma de Menina, senón que son dous gardas civís homes bicándose. A obra espertou a admiración e a alegría dos ferroláns, xa que esta podería ser a primeira obra oficial do autor en España despois de que a achada en San Sebastián fose borrada e non obtivese confirmación da autoría.

“Aínda que descoñecemos a orixinalidade ou non da obra aparecida no espazo que foi reservado a Banksy, consideramos que a intención de facer presente a arte do máis grande artista urbano do mundo fainos merecedores de dignificar o noso proxecto facéndoo máis grande aínda”, afirma Eduardo Hermida, o artista galego que comezou este proxecto.

E prosegue: “Se o artista acode á nosa chamada, fai que as Meninas de Canido sexa un proxecto universal e, se se trata dun triste falsificador, dota a nosa iniciativa da capacidade da reprodución para que autores descoñecidos poidan ensinar as súas técnicas inspiradas nos máis grandes. Sexa como sexa, As Meninas de Canido alcanzan a consolidación como referente na arte urbana actual”.

Graffiti no barrio de Canido en Ferrol atribuído a Banksy.
Graffiti no barrio de Canido en Ferrol atribuído a Banksy.

CAMPAÑA PUBLICITARIA

A acción de 1906 obtivo o pasado verán un grande eco estatal e internacional conseguindo visibilizar o barrio de Canido en Ferrol tanto a través dos medios de comunicación galegos e españois como a través dunha campaña de publicidade en valos e medios estranxeiros como The Times, The Daily Telegraph, A Repubblica, Lle Parisien ou The Guardian que buscaba trasladar a mensaxe ao propio Banksy.

A orixinalidade desta acción e o éxito obtido na súa difusión tiveron un grande impacto que recentemente se viu recoñecido pola súa innovadora proposta nos premios Xenio.

Mónica Biscaíño, directora de Márketing de Fillos de Rivera, expresaba hoxe: “Estariamos encantados de que Banksy respondese o noso chamamento para participar nunha acción que ten un retorno real na vida das persoas a través da revitalización dun barrio de Ferrol pero de momento debemos ser prudentes ata que podamos confirmar a autoría da obra”.

ARTE CONTRA A DESPOBOACIÓN

Este movemento artístico, celebrado cada ano o primeiro fin de semana de setembro e que leva oito edicións congregando ata a 35.000 persoas, é toda unha oda á arte ao redor da pintura, a música, a artesanía ou a fotografía á que acoden 1.200 artistas. Todos eles, procedentes non só de España, senón tamén de todas partes do mundo, para así deixar o seu legado no barrio axudar a proxectar Canido de forma global tal e como pretendía Eduardo Hermida cando comezou este proxecto en 2008 para impedir unha fuga de habitantes.

Na actualidade, a posible obra de Banksy comparte espazo con máis de 250 pinturas de autores da talla de Antón Patiño, Menchu Lamas, César Lombera, Moncho Borrajo, Víctor Coyote ou Jorge Llorca, entre outros, que fixeron das paredes do barrio de Ferrol o seu lenzo para plasmar a súa particular visión da obra máis soada de Diego Velázquez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Opa Canido

Outra nova estratexia de Eduardo Hermida para apañar máis cartos e que lle dure o NEGOCIO, que agora xa amplía a Ferrol Vello, coa axuda da Deputación da Coruña ( grazas a Julián Reina )

2 Banksy

1 cachamuiña

E do mesmo que pinta a PACHARITA con Ferrol Mola, Sabedes quen é ?