Galicia mobilízase contra a sentenza da "Manada": "Se tocan a unha, respondemos todas!"

En Marea e BNG chaman a acudir "de forma masiva" e a presidenta da Deputación de Pontevedra pide cambiar a lexislación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2018 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O malestar causado pola condena de nove anos de prisión imposta por abuso sexual aos membros da "Manada' sentiuse tamén en Galicia coa convocatoria de mobilizacións de protesta en dez municipios baixo a lema 'Se tocan a unha respostamos todas!'. En concreto, as manifestacións celébranse ás 19,30 horas en Bertamiráns (Ames, A Coruña); ás 20,00 horas en Santiago, A Coruña, Pontevedra, Ourense e Noia (A Coruña); ás 20,15 en Ferrol; e ás 20,30 horas en Lugo, Vigo e As Pontes (A Coruña).

Os cinco acusados da Manada
Os cinco acusados da Manada

A reacción política chegou da man de BNG e En Marea, quen, en senllos comunicados, chamaron á poboación a acudir "de forma masiva" ás protestas contra unha sentenza que tacharon de "lamentable, "vergoñosa" e "machista". Pola súa banda, os rupturistas aseguraron que esta condena demostra "unha vez máis a desigualdade e a desprotección" á que as mulleres están sometidas na súa vida.

Esta sentenza "queda moi lonxe" do que En Marea entende por "xustiza", indican. E é que a formación ve "con gran preocupación" a mensaxe que se lle transmite á sociedade. "Non podemos entender como pode non existir violencia nin intimidación cando unha muller é atacada contra a súa vontade por cinco homes que a penetran sen o seu consentimento e sen poder defenderse durante 18 minutos", censurou.

Ademais, En Marea criticou que se insista en que as mulleres denuncien calquera tipo de violencia se "a realidade" é que cando o fan están "soas, sen recursos aos que acudir e ante unha sociedade e unha xustiza cun machismo estrutural tremendamente arraigado".

"REPULSIÓN" ANTE A SENTENZA

Pola súa banda, a deputada e coordinadora de acción feminista do BNG, Noa Presas, mostrou a súa "repulsión" ante a sentenza "vergoñosa". Para a nacionalista, a condena de nove meses envía ás mulleres "unha mensaxe clara: se es violada e non te resistes para non pór en risco a túa vida, non che van crer". "A única proba válida contra a violencia machista é ser asasinada", criticou.

Presas dixo a todas as mulleres que "non están soas" e que "o feminismo e as organizacións políticas están comprometidas para transformar a sociedade ata que sexan todas libres e respectadas en todos os planos da vida".

"ATENTADO" CONTRA As MULLERES

Pola súa banda, Anova --unha das formacións que integra En Marea-- tamén mostrou o seu rexeitamento a través dunha nota de prensa ante unha sentenza que considera "un atentado contra os dereitos das mulleres". E é que, para este partido, a condena foi "lamentablemente escrita con desprezo pola vítima e con comprensión cara aos violadores, mesmo cun voto particular de absolución".

Así, Anova tamén chamou a "ocupar as prazas e rúas de Galicia" para que a cidadanía esixa "un cambio de fondo nas políticas públicas que inclúan a perspectiva de xénero". "Só mediante a mobilización permanente da sociedade galega acabaremos con esta regresión en termos democráticos", concluíu.

"CAMBIAR A LEXISLACIÓN"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu "respecto máis absoluto" ás sentenzas xudiciais, pero tamén asegurou que en España "non hai leis que garantan a liberdade, a seguridade e os dereitos das mulleres". A socialista ve "incomprensible" que "en pleno século XXI non se considere que non se exerceu violencia sobre esa muller, que foi violada por cinco homes". "Hai que cambiar a lexislación", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Pena anónima

É legal mostrar as fotos, nomes e apelidos de persoas xulgadas? A súa sentenza inclúe a exposición pública dos seus datos persoais? Ademáis da privación de liberdade decretada polos xuíces inclúese o escarnio público? Empezamos a facer públicas as fotos con nomes e apelidos de toda a xente que pase por un proceso penal? Unha vez condenado, a súa débeda coa sociedade redúcese á condea. E unha vez cumplida ten dereito a refacer a súa vida porque xa pagaron polo seu delicto.

1 Alicia Cipollina

Por circunstancias persoais non podo acudir a ningunha das manifestacións e ben que o lamento. Igual que me lamento de non ter ido á folga de mulleres por consideralo unha chachiguayada máis. Grazas ás deputadas das Mareas e do Bloque. E NON, non volverei a faltar a ninguha folga de mulleres mentres poida. https://twitter.com/SusodeToro1/sta... https://www.elnacional.cat/es/socie...

1 Duaseduassoncatro

Déixao xa Alicia, tómate un respiro que estamos na primavera. Feliz finde