O Colexio de Psicoloxía de Galicia ataca a sentenza contra 'La Manada' por "naturalizar a violencia sexual"

Lembra que o Convenio de Estambul define legalmente a violación como as relacións sexuais sen consentimento e critica que se teña desviado o foco sobre os violadores para centrar o debate sobre a actitude da vítima.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/04/2018 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia súmase ás reaccións críticas á sentenza que exculpa de violación e condena só por abuso aos membros da coñecida como 'La Manada' que agrediron sexualmente a unha moza de 18 anos no San Fermín en Pamplona.

Concentración en Santiago de Compostela contra a sentenza que exculpa aos integrantes de 'La Manada' dunha flagrante violación.
Concentración en Santiago de Compostela contra a sentenza que exculpa aos integrantes de 'La Manada' dunha flagrante violación.

"Queremos lembrar que tal e como se recolle no Convenio de Estambul, considerado como o marco xurídico máis completo para combater a violencia contra nenas e mulleres, defínese legalmente a violación como as relacións sexuais sen consentimento", recorda o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Este organismo tamén advirte de que "nunha sociedade na que existe unha violencia estrutural contra a muller, o debate sobre a intimidación propicia a idea da responsabilidade da vítima á hora de protexerse da violación e distrae o foco sobre o verdadeiro agresor".

O Colexio lembra que o Convenio de Estambul foi ratificado en 2014 por España, un país no que se denuncia unha violación cada oito horas, o cal, di este organismo, é un "indicador da situación de violencia estrutural que sofre a muller e que ten neste tipo de agresións a súa expresión máis extrema, estigmatizante e violenta".

"A intimidación e a violencia non se exercen unicamente de forma expresa, senón que é máis que suficiente a posición estrutural de forza do home", subliñan os psicólogos galegos.

Os cinco acusados da Manada
Os cinco acusados da Manada

Os colexiados tamén salientan a necesidade de que "a nosa sociedade debe progresar e ir máis aló de cuestionar ás vítimas e non aos agresores, xa que se perpetuará esta situación e disuadirase a denuncia, a non identificación das agresións sexuais tanto pola vítima (que se culpabilizará) e polo agresor (que o xustificará)". Pero tamén pide á sociedade que traslade unha "mensaxe de condena sen paliativos cara a quen exerce a violencia sexual, en calquera das súas formas, e de apoio ás vítimas".

"A violencia non se exerce unicamente a través da forza física e o dano non é simplemente dor", advirte o Colexio. É por iso precisamente que considera que "a argumentación recollida na sentenza feita pública onte no caso coñecido como 'La Manada', especialmente no voto particular, naturaliza a violencia sexual e descarga o axuizamento no comportamento da vítima (antes, durante e tras a agresión)".

"RETROCESO NA LOITA POLA IGUALDADE"

Para o Colexio, sta sentenza supón "un claro retroceso na loita pola igualdade entre homes e mulleres" ao "omitir a violencia estrutural contra a muller" e tratar o caso "de forma illada, sen entender que forma parte dun sistema que lexitima a dominación dun xénero sobre o outro".  

"Unha sentenza sempre chega tarde para a vítima: é necesario previr e educar desde a infancia sobre sexualidade, que é violencia sexual e que é agredir. Internet facilitou de xeito exponencial o acceso, cada vez máis precoz, a contido pornográfico e ademais extremadamente violento. Isto implica que os mozos, homes, constrúen a súa sexualidade a través da obxectualización da muller, con condutas machistas e agresivas que se sustentan nunha sociedade patriarcal que lle outorga unha posición privilexiada", expoñen os psicólogos.

Por todo isto, argúen que é necesario "previr en todas as etapas educativas" e "é imprescindible a formación en perspectiva de xénero dos e das profesionais que traballan no sistema público, especialmente da xustiza, da sanidade, da educación e dos servizos sociais", pois "o feito de ignorar o que implica a discriminación da muller sitúa nunha posición de absoluta inxustiza e indefensión a metade da poboación", conclúen os psicólogos colexiados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta