A Universidade coida dos morcegos

A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra entrega á asociación Vaipolorío seis caixas refuxio para estes mamíferos voadores, como parte do proxecto Green Campus.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 03/05/2018 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

A Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, colabora co labor de preservación da biodiversidade que, na contorna do río dos Gafos, desenvolve a asociación Vaipolorío, á que entregou seis caixas de madeira, dotadas dunha abertura na súa parte inferior co propósito de que sirvan como refuxio aos morcegos. 

Morcego.
Morcego.

As caixas foron deseñadas e elaboradas nos talleres desta escola no marco das actividades do proxecto Green Campus. O director da EE Forestal, Juan Picos, o responsable da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, e o presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, participaron xunto ao técnico da EE Forestal Luis Torres e o alumno Emilio Iglesias, beneficiario da bolsa Green Campus ao abeiro da que se desenvolveu esta actividade, na entrega destas caixas refuxio que Vaipolorío instalará proximamente no Gafos.

Elaboradas con madeira de piñeiro, nun proceso que combinou “a carpintería convencional e as novas tecnoloxías”, co uso da maquinaria de control numérico, a elaboración destas caixas vese complementada coa publicación dos planos para a súa construción, “polo que tratamos de facer un deseño o máis sinxelo posible”, sinalou Torres duns traballos levados a cabo partindo das indicacións da asociación Drosera, centrada na conservación desta especie, e da propia experiencia previa no deseño das caixas niño que se doaron tamén a Vaipolorío.

Drosera colaborou así mesmo nas saídas de campo que, no marco do seu traballo de catalogación de especies, esta asociación levou a cabo na contorna do río e que lles permitiron constatar a presenza tanto do “morcego común ou morcego anano como do morcego de ribeira”, explicou Sancho. “Foron eles os que nos indicaron tamén que existían este tipo de caixas niño para dar acubillo” a unha especie que adoita buscar árbores vellas con ocos para asentarse, explicou o representante de Vaipolorío.

Cancela, pola súa banda, puxo o acento en que iniciativas como esta, “coas que estamos facendo rede” contribúen á concienciación e ao fomento de boas prácticas entre a comunidade universitaria, mentres que Picos salientou o positivo da bolsa Green Campus, dirixida ao alumnado do centro e centrada en cuestións ambientais, á hora de situar a estudantes diante de “problemas concretos” aos que atopar unha solución.

Caixas para dar refuxio a morcegos, deseñadas na EE Forestal da Universidade de Vigo ao abeiro do proxecto Green Campus
Caixas para dar refuxio a morcegos, deseñadas na EE Forestal da Universidade de Vigo ao abeiro do proxecto Green Campus | Fonte: UVigo.

“Nós non somos carpinteiros nin o pretendemos, para nós o valor é o proceso que leva a fabricar a caixa”, salientou o director da EE Forestal dunha iniciativa “que nos leva a colaborar con entidades, a traballar coa propia madeira e a entender cal é o papel destes seres vivos, que ademais son indicadores de ecosistemas en bo estado de conservación”, informa a Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pasma Kintero

Pois menudo gasto para a Universidade. Hai uns 700,000 mil "morcegos" que van defecar cada 4 anos nas furnas...