O caso Paula Quinteiro chega a Madrid cun tirapuxa entre Rajoy e Pablo Iglesias

O presidente do Goberno español critica que haxa "unha deputada de Podemos que dedica o seu tempo de asueto a romper retrovisores".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2018 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, sacou a relucir este mércores, durante unha intervención en resposta ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, na sesión de control ao Executivo no pleno, o caso da deputada galega de En Marea Paula Quinteiro, que, segundo denunciou, "dedica o seu tempo de asueto a romper retrovisores".

Mariano Rajoy na sesión de control ao Goberno no Congreso
Mariano Rajoy na sesión de control ao Goberno no Congreso | Fonte: Europa Press

O secretario xeral de Podemos, tomando como base o caso de Cristina Cifuentes, preguntara ao presidente de Goberno acerca de se "os casos de corrupción que afectan" ao PP "deben considerarse illados", tras o que Mariano Rajoy dixo que non "minimiza" nin "magnifica" as "actuacións irregulares" que realizan políticos do PP, senón que as "rexeita todas". "Naturalmente, tamén as do seu partido", espetou a Iglesias en referencia a Podemos.

A continuación, Rajoy aproveitou para lembrar ao líder da formación morada algunhas das polémicas nas que se viron envoltos membros do seu partido --con referencias veladas a Íñigo Errejón e a Pablo Echenique--, así como a súa última crise interna, provocada pola deputada Carolina Bescansa.

Entre elas, mencionou o caso da deputada de En Marea --militante de Podemos, da corrente Anticapitalista-- Paula Quinteiro, que se viu envolvida nun altercado coa Policía Local de Santiago durante un control de vandalismo e que provocou unha crise interna na formación que lidera Luís Villares.

"Unha deputada do meu pobo, o meu pobo é Galicia, que é de Podemos, e que dedica os seus merecidos tempos de asueto a romper espellos retrovisores de persoas que tiñan a ousadía de aparcar os seus coches nas rúas polas que ela transitaba", reprochou Mariano Rajoy.

DISPUTA CONTROL POLICIAL E CRISE EN MAREA

Os feitos aos que fixo referencia o presidente do Goberno ocorreron o pasado 18 de marzo, cando Quinteiro, segundo un informe da Policía local, formaba parte dun grupo de mozos que sobre as 1,20 horas da madrugada foi interceptado por axentes despois de que un veciño denunciase a rotura de varios espellos retrovisores de coches estacionados nunha rúa próxima.

No marco deste control produciuse unha disputa na que se viu envolvida Quinteiro, quen chegou a esgrimir a súa condición de parlamentaria para, segundo a versión policial, "dificultar" a identificación dun dos mozos que lle acompañaban. Ela rexeitou esta visión e defendeu que tratou de mediar para acougar a situación.

Esta situación abriu a maior crise interna na formación 'rupturista' e, actualmente, está pendente unha consulta interna convocada polo Consello das Mareas --máximo órgano de decisión entre plenarios-- para que a militancia se posicione sobre o futuro de Paula Quinteiro, quen se nega a presentar a súa dimisión como lle pide Luís Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Antonio de Teis

Paula resiste. Nos estás haciendo la campaña

4 Xan do Can

Resiste Paula Quinteiro! No Partido Podre agradecen a túa intelixente postura e a enorme valentía! Certificado, en Podemos protéxese a casta: Monedero, Errejón, Tania, Echenique, Espinar, Yolanda, Quinteiro, Torregrosa...

3 rémoras

Paula Quinteiro podería manter grandes conversas con Julia Torregrosa nos escanos do grupo mixto (mentres non dimitan, claro). Todas irían sobre seguros, iteuves e retrovisores. Puro Forocoches.

2 paula se fuerte

Coleta morada patrocina Carglass Quinteiro

1 Archaeogastropoda

Paula Quinterio cheira a grupo mixto que tira patrás.