Londres celebra as Letras Galegas

A comunidade galega na capital británica organiza unha intensa xornada de actividades co gallo desta festividade.

Por Galicia Confidencial | Londres | 10/05/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Londres, centro económico e cultural do mundo, celebrará tamén o Día das Letras Galegas. A capital británica acollerá un intenso programa de actividades organizadas pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK).

Londres
Londres | Fonte: Diliff.

As actividades terán lugar este domingo, 13 de maio, no marco dunha completa xornada festiva para celebrar por adiantado o Día das Letras Galegas. Están previstas seis horas de programación que se desenvolverá no Haileybury Youth Centre (13-19h, Ben Jonson Road, London, E1 3NN).

O programa inclúe un concerto do cantautor Leonardo Fernández ‘Leo’, un recital poético, curtametraxes, unha foliada, obradoiros de baile e pandeireta ou actividades infantís.

Leonardo Fernández ‘Leo’ é un artista polifacético que conxuga a actividade musical coa creación poética. A súa traxectoria comezou no ano 1997, facéndose moi popular polo proxecto musical ‘O Leo i Arremecághona!!!’, onde dá renda solta á súa faceta máis punk e performativa e co que foi teloneiro da xira galega de Albert Plá no 1998. Con frecuencia, Leo precede o espectáculo punk con versións acústicas de autores da canción protesta galega e dos ‘Cantores de abril’, nome co que se coñece ao movemento de cantantes portugueses que se posicionaron en contra da ditadura no seu país.

ENTRADAS

A entrada anticipada ten un prezo de 10 libras e de mercarse na porta, o seu custo será de 12 libras. En ambos os dous casos, o billete inclúe unha bebida e unha tapa. O acceso é gratuíto para os menores de 15 anos.

Para a compra anticipada é preciso realizar o ingreso na conta bancaria número 73872742 (sort code 20-25-95) e poñer como ‘payee reference’ LETRAS-Nome-Apelido. A recadación destinarase integramente á organización de actividades socioculturais en Londres promovidas por REGA-UK.

Ademais de REGA-UK tamén colaboran na xornada outras organizacións socioculturais galegas da capital británica como Troula, a Asociación A Caramiña, Galego en Londres, Galician Film Forum e Galegos Morriñentos en Londres. Precisamente, este último colectivo celebra os seus dez anos de vida coincidindo co evento do domingo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta