Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 11:08
O reitor electo da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, considera que as manifestacións realizadas polo profesor da Facultade de Ciencias Económicas Luciano Méndez Naya nun vídeo sobre a sentenza da 'Manada,' poden constituír "un delito penal". Así o asegurou Antonio López, que subliñou que "se hai indicios" é partidario de acudir á vía penal porque se trata dunha "situación grave".
"A USC está a analizar as vías a tomar, que é o que procede neste momento", sostivo López após o polémico vídeo colgado nunha rede social no que o profesor Luciano Méndez Naya asegura que a vítima "se deixou facer" e "gozou".
Por iso, o reitor electo explicou que en casos como estes hai que analizar "alternativas á actuación disciplinaria" que, puntualizou, "ten limitacións". "Hai que valorar con fundamento", abundou, para apostar por sentar a estudar se pode "haber algún indicio dalgunha acción de enxuizamento penal", en relación a un "delito de odio ou incitación ao odio".
"Son partidario de que se analicen todas as situacións con detalle", resaltou, para aclarar que é partidario de acudir á vía penal se hai fundamento para iso. Con todo, o reitor electo insistiu en que "debe ser a Universidade de Santiago a que valore as accións a tomar".
POSIBILIDADES LEGAIS
Pola súa banda, a Universidade de Santiago asegura que estuda "todas as posibilidades legais" para facer fronte á situación creada por mor das manifestacións do profesor da Facultade de Ciencias Económicas Luciano Méndez Naya, quen xa foi sancionado en 2016 pola institución compostelá por comentarios machistas.
De feito, logo de transcender o vídeo a USC condenou publicamente a través dun comunicado este xoves as declaracións realizadas por este docente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.