Quinteiro cre "ilexítima" a consulta sobre o seu futuro e non dimitirá porque sería "unha vitoria" do PP

A deputada por En Marea, militante de Podemos, si abre a porta a someterse a un proceso revogatorio, pero reitera que non acatará o resultado da consulta ás bases sobre o seu futuro porque "non é o procedemento axeitado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolta nun incidente coa Policía Local de Santiago de Compostela cando realizaba un control por unha denuncia por vandalismo, reiterou a súa intención de permanecer como parlamentaria no Pazo do Hórreo, xa que entende que a súa renuncia suporía "dar unha baza" ao PP, formación que, ao seu xuízo, é a "única gañadora" da polémica interna xerada en En Marea por mor dos feitos ocorridos na madrugada do 18 de marzo en Santiago.

A deputada de En Marea Paula Quinteiro
A deputada de En Marea Paula Quinteiro | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista en Europa Press este domingo, Paula Quinteiro (Vigo, 1990) asegura que está disposta a "someterse á opinión das bases" a condición de que se realice a través do "procedemento adecuado". Este, segundo defende, sería o proceso revogatorio que prevén os estatutos de En Marea e que, polo momento, descarta realizar a dirección do partido instrumental, que aposta por unha consulta cuxo resultado non será vinculante e que ten por obxectivo empuxala a dimitir.

Así, a parlamentaria viguesa reitera que non acatará o resultado de dita consulta aos inscritos —cuxa data de celebración, a falta de ser ratificada, está fixada para o martes 22 de maio— porque denuncia que se trata dun proceso sen "garantías", reivindicación que apoia o sector crítico coa dirección de En Marea.

"Consideramos que a consulta é ilexítima porque non se cingue aos estatutos. Non teño problema en someterme á opinión das bases, pero cos mecanismos garantistas que nos dotamos. Está a usarse un proceso sen garantías e eu non estou a ter dereito a defenderme", indica, para logo engadir que as acusacións que penden sobre a súa persoa están baseadas nun "relato falso" que "ao ser repetido mil veces, algo sempre queda".

Deste xeito, abre a porta a someterse a un proceso revogatorio, que implicaría a convocatoria dun plenario, xa que a través de devandito procedemento si tería "opción" de poder defenderse e explicarse ante as bases de En Marea. "É importante que as inscritas coñezan a miña versión, que eu non participei en ningún acto vandálico e que o que se traslada é falso", apostila Quinteiro.

Cuestionada sobre se cre que a súa continuidade no Pazo do Hórreo pode supor un lastre para o proxecto rupturista, opina que o que pode causar maior "desilusión" entre simpatizantes e posibles votantes non é que siga como deputada, senón que En Marea "fale demasiado tempo de debates internos" e que sexa "o PP quen marque a axenda".

CENSOS

Con todo, convida á dirección do partido instrumental que encabeza o tamén portavoz parlamentario, Luís Villares, a "reflexionar" acerca da "diferenza" entre as 11.000 persoas que participaron nas primarias para a elección das candidaturas para as autonómicas e as preto de 3.000 que hoxe en día forman parte do censo de inscritos de En Marea.

E é que a tese defendida pola dirección política de En Marea para convocar a consulta é que, en caso de existir unha diferenza de criterio (como ocorre coa continuidade de Quinteiro) sobre unha determinada cuestión entre os espazos de representación (grupo parlamentario) e orgánicos (Consello e Coordinadora), as persoas inscritas constitúen o 'tronco común' entre ambas e, por tanto, son quen posúen a lexitimidade para resolver a diverxencia.

"Cando fun elixida en primarias votaron 11.000 persoas, agora o censo de En Marea non chega a 3.000. Temos que facer unha reflexión de onde está esa xente que participou e agora non o fai. Gustaríame que as persoas que me votaron, que son ás que me debo, participasen neste proceso", remarca.

Militante da corrente Anticapitalista de Podemos, Paula Quinteiro é tamén inscrita de En Marea na actualidade; pero non cre que caia nunha "contradición" se apela ás persoas que votaron nas primarias para as autonómicas como as que deberían decidir sobre o seu futuro. "Non hai contradición porque estou a traballar para que esas persoas que están fóra participen activamente", apunta.

DESCARTA DIMITIR

Paula Quinteiro, que recoñece que pensou se dimitir ou non ("aforroume moitos desgustos"), reafírmase na súa decisión de non renunciar ao seu escano porque considera que suporía unha "vitoria" e "daría unha baza moi sinxela" ao PP: "Só terían que facer unha noticia falsa sobre calquera das miñas compañeiras para que unha tras outra tivésemos que ir cedendo ante eses relatos falsos", afirma.

Así as cousas, defende que non violou o código ético de En Marea, como lle imputa a dirección do partido, cando esgrimiu a súa condición de deputada ante os axentes, senón que actuou atendendo a "obriga" que ten de "identificarse" como parlamentaria. "Os propios axentes teñen dereito a saber que están a falar cunha deputada", remarca.

Ademais, asegura que ningunha das persoas que a acompañaban durante a madrugada do 18 de marzo cometeu ningún acto de vandalismo e que en todo momento a súa intención foi de mediar ante o que consideraba unha "actuación desproporcionada" por parte dun dos axentes.

Nesta liña, ante as especulacións da existencia de vídeos sobre os feitos, Paula Quinteiro convidou a que, no caso de que os haxa, saian á luz. "Se alguén ten eses vídeos estaría encantada de que se publiquen para que se vise que eu non fixen nada", pecha.

RAJOY, PODEMOS E VILLARES

Quinteiro cargou contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ao que reclamou unha rectificación por "mentir" durante un debate parlamentario no que, para atacar ao líder de Podemos, Pablo Iglesias; aludiu ao caso da deputada galega, acusándoa de "romper retrovisores no seu tempo de asueto".

Así, a deputada di contar co apoio de "todo" o seu partido, Podemos, aínda que admite que non tivo contacto directo con Iglesias. Respecto da relación que mantén con Luís Villares, asegura que "é un compañeiro máis".

"Non comparto a súa opinión respecto diso pero como un deputado máis mantemos a relación para seguir traballando", incide, para logo apuntar que o maxistrado lucense, após manter unha "postura ambigua nun primeiro momento", experimentou nos días posteriores a que estalase a polémica "un cambio" que cre influenciado por actores externos ao grupo parlamentario.

No entanto, apunta que "a sorpresa" veu no momento en que Villares "non trasladou a opinión maioritaria do grupo" e pediu a súa renuncia ante os medios de comunicación; aínda que, naquel momento, o portavoz matizou que o facía a título persoal.

Unha das persoas que máis apoio público mostrou a Quinteiro nos últimos meses foi a súa compañeira en O Hórreo e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, á que, precisamente, estivo enfrontada a propia Quinteiro por diverxencias na maneira de entender o proxecto da formación morada.

Con todo, cre que Santos non se puxo da súa parte "porque fose de Podemos" nin por un intento de acougar as augas no foro interno de Podemos Galicia. "Non vincularía un proceso co outro, sería buscar unha dobre lectura que é errónea. Fíxoo porque cría que era inxusto. Estou convencida de que Carmen (Santos) defendería a outro deputado que se vise na mesma situación".

Así as cousas, Paula Quinteiro afirma non sentirse responsable de que o seu caso agrandase as diferenzas en En Marea ou que poida pasarlle factura a nivel de confianza entre o electorado. "Non me sinto responsable. Esa noite non tiven vinculación con acto vandálico nin usei a miña condición para beneficiarme de nada. Non teño motivos para sentirme responsable", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

17 Indefensión de libro

Pregunta tendenciosa ao máximo. Logo de comprar de pe a pa a histora da Voz de Galica e do Correo Gallego, demostrando 0 habilidade política para sair desa celada. Logo de crer ao 100% a palabra do policia agresor, aínda sabendo Villares e compañía o do parte de lesións que había, logo de estirar este tema até o risible, arrastrando o nome de En Marea por todas as esquinas, para única gloria da vellísima guardia da caspa galeguista chatarreira... Agora a coordinadora saca a seguinte pregunta : ¿"Debería dimitir Paula por-lo-que-todo-el-mundo-ya-sabe-que-es-cierto"?. A indefensión da compañeira é tan obvia que debería sonroxar, comezando polo xuiz monaguillo e sua caterva de moralistas noxentxs. Pero nada, todos sabemos o ben e a gusto que vive Cerna no grupo mixto, xa o fixo antes e o volverá a facer.

1 cazarraposas

Primeiro, preguiza é non saber colocar os pronomes en galego, nin os signos de puntuación, e insultas empregando a supremacía do castelán (que só está dentro da túa mente colonizada de defensor da neocasta teledirixida desde Madrid). Segundo, ollo coa prensa sistémica, usádela tanto os de Podemos como os demais (lembra, La Sexta, o voso medio amigo, é propiedade dos Lara de Planeta, igual que Antena 3 e a cavernaria La Razón), polo tanto non se trata do que diga La Voz de su Amo, os feitos noxentos poden aínda seguirse nun vídeo: https://okdiario.com/espana/galicia... . E, para rematar, Paula Quinteiro debe render contas diante do partido polo que se presentou, que é En Marea, Podemos non existe no parlamento de Galicia, nin Anticapitalistas, nin o Partido Comunista de Gavilanes... Logo, baixa do poleiro, que non estades por riba da xente do común!

16 anonimo

Deixando xa aparte as accións polas que se pide a súa dimisión, a min o que me decepciona desta rapaza e de Carmen Santos é o desprezo total có que trata as bases e o Partido de En Marea; considera ilexítima a consulta porque para ela as bases de En Marea non teñen lexitimidade como tales, porque segundo o seu cancioneiro habitual só representan a unha fracción pequena ...de qué? Se fuches elixida como deputada do partido de En Marea polo electorado, se supón que terás que rexirte polos organismos e estatutos do partido polo que fuches elixida; do contrario, terás que saírte do Partido. Nunca vin cousa semellante; os deputados electos por un Partido dicindo que as bases do seu Partido non contan. Para iso; que non accederan a presentarse dentro do Partido, que foran como representantes de Podemos, Anticapitalistas, ou o que fora.

15 Ouveos españolistas

Resiste Paula Quinteiro, es a Nosa Cifuentes particular!!! No PP, quero dicir --disimulen, en que estaría pensando-- en Podemos, tapámoste!!! Viva a neocasta!!!

14 Bernardo

A ver se nos centramos.Cando se xulga a alguén haberá que expoñer as acusacións e deixar ao implicado defenderse.É de caixón en democracia. Hai parte policial que a impute?Non é deputada? Identificarse é un acto de "chulería"?.O da consulta a pau seco: Votas dimisión? Si/Non, é de traca.

1 Atraca é Paula

Deixando a un lado o incidente nocturno coa policía e as razóns que a levaron a identificarse, salvarse ou zafarse como deputada, hai argumentos de sobra para esixir a dimisión de Paula Quinteiro: por boicotear a asemblea de En Marea, partido polo que é deputada (non de Podemos, que non se presentou como tal) debendo dar contas e non burlarse dos compañeiros dun xeito impresentable. Os galegos que seguen diferentes medios vimos o vídeo difundido (TVG ou La Voz), aínda hoxe segue nas redes ( https://okdiario.com/espana/galicia... ). Non hai persoa decente que teña que aturar a esta panda de trepas impresentables! Polo mesmo, Paula Quinteiro dimisión xa!

2 Ferriño

ARTIGO 5. CUMPRIMENTO DE REQUISITOS Para a consulta teranse en conta todas as indicacións da Comisión de Garantías ao respecto. Acompañarase á petición de voto do pertinente expediente informativo consistente en información e explicación de principios e preceptos que motivan acordo do Consello e escrito da compañeira Paula Quinteiro cos argumentos que desexe. A este respecto enviarase a Paula Quinteiro o dia 14 escrito argumentado e fundamentado do acordo do Consello sobre o motivo desta consulta, tendo esta ate o dia 18 ás 10.00 horas para remitir o seu ao Comité Electoral

3 Bernarda

A ver si nos centramos ¿Esta señorita sacó su carnet de diputada para mediar entre la policía y unos ciudadanos o los colegas de marcha? Pues lo segundo se llama utilización de un cargo para un asunto particular. ¿Centrado?

13 x 5.000€ lo que sea

¡No me voy, me quedo, me voy a quedar!