Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2018 | Actualizada ás 18:34
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, defendeu que o partido morado xestiona "de forma radicalmente distinta" a En Marea "casos similares" ao de Paula Quinteiro. Cuestionada sobre este asunto nunha comparecencia de prensa celebrada este luns en Santiago, Carmen Santos reiterou que non cambiou a súa "posición" nin a do seu partido, á vez que mostrou o seu cansazo por "profundar en algo que xa está máis que falado".
A falta de que se confirme a data oficial para a celebración da consulta non vinculante que prepara a dirección de En Marea, Paula Quinteiro reiterou que non acatará o veredicto das bases porque se trata dun procedemento "ilexítimo". Con todo, a deputada aclarou que non ten problema en someterse á opinión dos inscritos de En Marea a condición de que se realice a través dun proceso de revogación de cargo, un extremo que, polo momento, non contempla a dirección do partido instrumental e que implicaría a convocatoria dun plenario.
Santos expresou que mostraría o seu "máximo respecto" no caso de que En Marea decida seguir ese camiño a través dos "procedementos legais que eles mesmos estipularon". "Nós dixemos sempre que non teñen nada que ver os procedementos lexítimos do partido instrumental con que nós non compartamos a maneira de facer as cousas. Pero cando se deron casos similares en Podemos xestionáronse de forma radicalmente distinta", explicou Santos.
LUÍS VILLARES
Tamén este luns, o portavoz de En Marea, Luís Villares, evitou pronunciarse sobre o caso de Paula Quinteiro e emprazou ás explicacións que ofreza a coordinadora do partido instrumental, o órgano que equivale á executiva dun partido clásico. "A comunicación dese tema farao a partir de agora a coordinadora", esgrimiu Villares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.