Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 11/03/2011
En cuestión de dúas semanas temos asistido, non sen asombro, á proxección televisiva de dúas cuestións estratexicamente encubertas polo muíño mediático de rodicio español; o nacionalismo e o autoodio galegos, ou se lle queremos poñer nomes, Alfonso Tellado e Marta de "Gran Hermano" (GH), a cara e a cruz da mesma moeda: Galiza.
O ocultamento non é fortuito senón unha "cuestión de estado", un estado que desde os tempos dos castradores Reis Católicos até os nosos días (aínda que agora, en petite comité) considera que Galiza é un polvorín mollado que pode facer saltar polos aires a unidade española a pouco que seque.
A verborrea de Marta só reflectiu unha realidade da que somos testigos cotiás, especialmente ferinte nas grandes urbes e no ámbito institucional, e que só transcendeu ante a opinión pública polo feito absolutamente inédito de que se retransmitise para todo o estado español, incomodando aos medios públicos galegos afines ao status quo.
Por outro lado, a intervención de Alfonso Tellado nun show televisivo líder a nivel estatal, aínda que dun xeito diametralmente oposto ao caso de Marta, é igualmente sorprendente. Sorprendente para nós, para os espectadores españois e, tamén, para o propio presentador Buenafuente. De maneira especial cando un valente Tellado – absolutamente xenial durante todo o programa, roubando protagonismo á estrela mediática – se saltou o guión establecido para aqueles que se topan repentinamente coa fama. Nesas lides, o ferrolán denunciou a imposición da lingua española durante o réxime franquista nas escolas do antigo reino de Galiza: "Hace un minuto que no te entiendo", replicoulle un evasivo Buenafuente tal que profesora estirada de Valladolid calando voces galegas de nenos. Seica entre esas voces atoparíamos as da avoa de Marta GH.
Xa sabemos que Marta GH non é Nuñez Feijóo, do mesmo xeito que Alfonso Tellado non é Guillerme Vázquez, mais entre estes dous tandens podemos clasificar á maior parte do espectro social galego segundo dúas maneiras frontalmente opostas de entender o país. A primeira dupla representa a aqueles que entenden Galiza como rexión, tinxida cunha galeguidade gastronómica e paisaxística, e ademais convencidos de que ser galego non ten nada que ver con falar galego. A súa maneira de entender Galiza e o mundo reflíctese en comportamentos sociais gradualmente similares aos de Marta, e no ámbito político, en actitudes e pasividades inherentes á maioría dos membros da Xunta actual.
Ao segundo tándem pertencen aquelas persoas conscientes de que Galiza ten entidade propia para ser considerada un país, unha nazón, e non vacilan á hora de afirmar que a lingua galega é un compoñente fundamental da definición de galego. A súa maneira de entender Galiza e o mundo ten como resultado comportamentos iguais ou similares aos de Tellado, Tosar, Rodríguez ou Beiras; todos eles reivindican, á súa maneira, a cultura e a lingua propias como a única opción que temos de existir e desenvolvernos no mundo, e a todos eles, en definitiva, lles arrepía ver o país gobernado por concursantes de Gran Hermano.