Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 28/05/2018
Ven resollando unha forte crise na dereita de España, aínda que sexa difícil de ver, estou seguro que no horizonte da dereita resolla un tempo de axustes e conflito. A ancián balea azul esta sendo duramente castigada por unha candorca, laranxa, no canto de negra. A pelexa está sendo tan dura que non se dan conta de que están fracasando as dúas.
M. Rajoy e o PP trabucaron o rumbo no resultado das eleccións de decembro de 2015, no canto de aceptar o resultado e ir cara o lóxico camiño da rexeneración, na oposición, alimentaron a ese pequeno munxe carroñeiro de Podemos facéndolle crer que era unha quenlla, co mantra do sorpasso. Ese foi o principio do fin do PP como forza hexemónica da dereita rancia, aínda que mellorase o resultado, viña collendo velocidade a candorca laranxa.
Máis complicada é a situación de Cs, a actuación de Rivera, no 155 e na presión a todas as forzas está provocando unha reacción política lóxica, ninguén vai querer pactar con Ciudadanos en ningún campo. Non son de fiar, as candorcas non o son. Movementos de conversas con membros doutros partidos, fichar mercenarios galos e buscar permanentemente premer sen tomar posicións de goberno: en Madrid, Murcia ou Andalucía, racha coas regras da política. Van morrer de éxito senón ó tempo. Rivera non é Macron por moito que copie, e Francia non leva Ñ.
No medio de esta historia os únicos que teñen arpón e saben utilizalo son os do PNV, o movemento dos orzamentos do Estado, ademais de ser bo para Euskadi e os pensionistas é unha moi boa ferramenta para que a dereita rancia, centralista e nacionalista española se desgaste. A Rivera vai entrarlle a presa e a Rajoy o seu estado natural de sosego. O PNV actuou como os francotiradores, feriu os dous da batalla buscando o costo dunha contenda larga e dura, mala para ambos. Que listos son estes vascos.
Está é unha lexislatura de xogos partidarios, agora teñen que mover ficha en Catalunya, retirar a vergonza do 155 e rearmar a pluralidade nacional do Reino de España, está é a única arma que temos para frear ós herdeiros da falanxe, que non son os da vella balea azul, a falanxe hoxe vai de laranxa.