Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2018 | Actualizada ás 15:42
Centos de gandeiros, silvicultores, agricultores, madeireiros, cazadores, pescadores e mineiros axuntaron forzas este domingo nunha manifestación en Santiago na que denunciaron "o abandono" do rural e alertaron das consecuencias para o sector da normativa da Xunta sobre a limpeza de leiras para evitar incendios.
A manifestación iniciouse na Alameda de Santiago, ao redor do once da mañá. Baixo o lema "Creamos vida no rural, non somos o problema, somos a solución", os participantes proclamaron que "no rural caben todos" e reivindicaron o feito "histórico" da unión de máis de 70 organizacións de sectores que abarcaban desde o forestal até o cinexético.
Deste xeito, na mobilización, encabezada por Unións Agrarias, puxéronse de manifesto distintas problemáticas do medio rural, desde as consecuencias da última normativa sobre franxas forestais contra incendios, á Política Agraria Común ou o desprestixio social da caza.
Tanto o sector forestal como o agrario alertaron, en primeiro termo, da "preocupación" existente sobre a norma sobre limpeza de leiras e a ameaza de multas para os propietarios que non cumpran coas franxas de seguridade a partir do 1 de xuño.
Xosé Manuel Iglesias, o presidente do Clúster da madeira de Galicia, advertiu que "é imposible pór sobre as costas do habitante do rural a limpeza dun territorio que é de uso público, iso hai que xestionalo, ou xerando economía ou prestacións, nin con todos os recursos poderase executar o plan, nin nun prazo tan curto para limpar nin recoller".
Respecto diso, engadiu que no rural "hai persoas maiores traballando todos os días coa motoserra". "Aínda non sei como non se producen máis accidentes, a xente está preocupada, cren que vai haber denuncias, multas", engadiu.
Unha situación, derivada do novo prazo establecido do 1 de xuño, que asegurou que está a provocar "colapso na limpeza das leiras", porque o sector non ten capacidade para recoller a madeira que se está xerando.
Tamén desde Promagal, a federación de produtores de madeira de Galicia, o seu presidente, Ramón Reimunde, censurou a normativa da Xunta e, de forma concreta, as distancias establecidas, que tacha de "excesivas".
Especificamente, criticou as franxas "de 15 metros de protección nos ríos" e de 10 metros nas estradas principais. "Estamos moi preocupados polas distancias, as establecidas ás casas e núcleos urbanos son bastantes razoables e hai que defender iso, outra cousa son as estradas e os ríos, porque se hai lume, non van valer de nada", aseverou.
Como alternativa, propón que a administración "expropie" os terreos que se sitúan nas franxas das estradas, ao entender que, "se non, a Xunta se vai de rosiñas, pon unha lei e quen ten que pagar os custos é o propietario, que non pode producir madeira e ten que gastar diñeiro en rozar".
Ademais, a falta de explotación dos terreos que se sitúan nas franxas de protección das estradas e que suman, segundo as súas cifras, preto de 100.000 hectáreas en Galicia, provoca que non se obteñan "uns 50 millóns de euros".
Desde Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, puxo o foco na reclamación dunha maior implicación da administración na defensa do sector rural, alertando de que "o gran inimigo do rural non son os pescadores, os cazadores ou os silvicultores, o gran inimigo do rural é o abandono" e que "a ausencia de gandeiros e agricultores, que son os que permiten que as vagas de lumes se poidan atallar".
O responsable de Unións Agrarias puxo tamén no punto de mira a negociación da Política Agraria Común na Unión Europea, esixindo que desde España se loite por manter "un status orzamentario no futuro da PAC", para evitar que en "Galicia se sigan pechando aldeas que xestionará o lume e o xabaril".
DEFENSA DA CAZA
Pero ademais dos sectores agrogandeiro e forestal, na manifestación déronse cita numerosos colectivos vinculados á caza en Galicia, que defenderon a súa historia "ancestral" e a súa vinculación ao medio rural galego.
"Os cazadores non votaremos a traidores" ou "Si á caza como deporte", foron distintos lemas que se puideron ver na protesta.
Coa súa presenza, denunciaron o "desprestixio social" da caza e reclamaron que se cumpran os seus "dereitos". "Consideramos que temos dereitos, como os doutros que van ao monte a por cogomelos ou a andar en bicicleta", explicou un dos participantes, Joaquín Soria.
PARTICIPACIÓN DO PORTAVOZ DO GRUPO SOCIALISTA
A mobilización tamén estivo apoiada polo portavoz do grupo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que reivindicou que no rural poidan "convivir todas as actividades".
Preguntado sobre a socialista galega Pilar Cancela, que soa nas quinielas como posible Ministra de Agricultura do novo Goberno, sinalou que se trata "dunha competencia expresa de Pedro Sánchez".
"Espero que haxa presenza galega e que o goberno asuma unha axenda galega", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.