Villares, a IU e Podemos: "Ninguén a 600 quilómetros pode impor como se presenta cada marea"

Avisa ao Grupo Confederal de Unidos Podemos que a súa "estratexia non pode ser unha escusa para que as prioridades galegas queden postergadas". Defende eleccións en Galicia se Feijóo marcha a Madrid porque a xente o elexiu a el e non a un "presidente imposto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2018 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou a soberanía e independencia de cada marea municipalista para tomar decisións de cara á configuración de candidaturas nas eleccións locais do próximo ano. "Ninguén a 600 quilómetros pode impor de que forma se presenta cada marea ás eleccións", asegurou en referencia ao pacto entre IU-Podemos a nivel estatal, que establece que as alianzas se realicen en formato de coalición e co nome elixido por estas organizacións fóra de onde existan "marcas" consolidadas.

Luís Villares na Radio Galega
Luís Villares na Radio Galega | Fonte: Europa Press

Fíxoo nunha entrevista este domingo na Radio Galega na que apuntou que se algunha marea "quere ir en coalición é moi libre" de facelo, pero, a continuación, incidiu en que en que non se vai a marcar desde fóra "nin o nome da papeleta nin a forma en que se presentan".

Villares cualificou de "desafortunadas" as declaracións do secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, nas que tachou de "partido ornamental" a En Marea, á vez que avisou que "os que teñan intención de baixarse" do proxecto rupturista "van ter que dar moitas explicacións".

Pola súa banda, Carmen Santos, noutra entrevista,  ridiculizaba a oferta de Cerna de crear unha fronte sen partidos e apuntou que o que "importa" é articular un "programa" común e fomentar a "unidade" das forzas da esquerda rupturista. A líder de Podemos defendía hai uns días a lista que a súa formación e IU queren impulsar candidaturas a nivel local.

CASO QUINTEIRO

Así mesmo, tamén en clave interna de En Marea, o maxistrado lucense volveu a apuntar que o caso de Paula Quinteiro, a deputada de En Marea que se viu envolta nun incidente coa policía, está pechado, polo que admite que "se ela o decide, seguirá" no seu escano a pesar de que a dirección e os inscritos de En Marea piden que dimita.

Con todo, Villares lanzou unha mensaxe dirixida á súa compañeira no Pazo do Hórreo: "Cando chegue o momento e haxa outras primarias para volver escoller cargos de representatividade serán as inscritas e os inscritos os que dirán se unha persona con ese comportamento debe revalidar na representación pública en nome de En Marea".

PAPEL DE EN MAREA NO CONGRESO

Así mesmo, Luís Villares defendeu que o cinco deputados de En Marea no Congreso, integrados no Grupo Confederal de Unidos Podemos, foron "determinantes" para que saíse adiante a moción de censura contra Rajoy.

Neste sentido, remarcou que os parlamentarios de En Marea deben ter un papel relevante dentro do Grupo Confederal, cuxa "estratexia non pode ser unha escusa para que as prioridades galegas queden postergadas". "Nós non estamos dispostos a consentilo", engadiu.

ELECCIÓNS SE SE VAI FEIJÓO

Villares defendeu a súa postura de que "o normal" no caso de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, abandone a Xunta para relevar a Mariano Rajoy á fronte do PP nacional sería a convocatoria de eleccións, algo que non comparte o sector crítico coa dirección política de En Marea, como explicitaron o pasado sábado ao termo da reunión do consello político do partido instrumental.

Deste xeito, o portavoz rupturista entende que o adeus de Feijóo á Xunta suporía un "fin de ciclo político" que, ao seu modo de ver, debería ir acompañado dunha cita coas urnas porque o popular centrou a súa campaña electoral na súa persona.

Así, cre que "a xente está farta do PP" e a convocatoria de eleccións constituiría unha oportunidade para a "translación" a Galicia do "estado de alegría" aberto a nivel estatal após o triunfo da moción de censura que supuxo o fin da etapa de Mariano Rajoy en Moncloa.

"Se hai un cambio de ciclo, como parece que vai haber coa marcha de Núñez Feijóo, o normal é que ese cambio de ciclo non veña seguido dunha interinidade onde se poña un presidente que ninguén escolleu", dixo Villares, que, a continuación, teorizou con que ese escenario de interinidade sería "lícito en termos constitucionais" pero "non" en "termos políticos".

"O normal en termos políticos é que se hai un punto e aparte, a cidadanía sexa protagonista de dar ese punto e aparte", remarcou o maxistrado en excedencia, que pon como 'deberes' a Pedro Sánchez en Galicia a articulación dun modelo de financiamento autonómico que permita que os mozos galegos emigrados "poidan retornar".

Ademais, reclama ao novo Goberno socialista a execución do Corredor Atlántico ferroviario, a transferencia "inmediata" da AP-9, un traspaso que, ao seu xuízo, podería estar listo "se hai vontade política" antes de que conclúa o ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

9 Un galego

Un home preparado, o que é gañouno co seu esforzo e preparación. Dálles sen piedade a esa banda de aproveitados/as que non che chegan nin á sóla dos zapatos. Adiante coas mareas. Viva Villares, un bon e xeneroso.

8 gfqv

Ese é o camiño. Mareas municipalistas que decidan dende o seu concello e unha Marea Galega que tome as decisións no país. Podemos e IU van seguir as directrices de Pablo e Garzón sexa bo ou malo para Galicia. E Anova a que xoga, a ver se pode sacar un deputadiño en Madrid que faga o que diga Pablo e Irene. Ás veces a política dá noxo.

7 Gamela

E logo cando un tuit de Pablo Iglesias apostou pola confluencia, daquela valían os 600 kms? Este individuo ou é "parvo" ou nos quere facer "parvos" aos demáis !!!

1 Preguntallo ós 3 tenores

Eso preguntallo aos tres alcaldes que foron os que mandaban daquela e lle deron entrada a toda a tropa españolista de Podemos fora de plazo saltandose os precedementos que que a xente votara 2 semanas antes.

2 Gamela

E logo tamén foron os Tres Tenores os que lle deron o placet á candidatura da Marea de Vigo? Que eu saiba daquela aínda non existía En Marea !!! Pero todo o que cae na rede é peixe... non?

6 Mareanta

Por fin. Algunhas votantes estabamos fartas de tanto seguidismo e sucursalismo. Alédome de que por fin se defenda a autonomía da unidade popular no noso país

5 GrazasBeiras

Dalle Villares! Aínda non che teño fe pero este é o camiño. Vista Alegre II fora da Galiza!