Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2018 | Actualizada ás 13:44
O BNG instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "dimitir" no "mesmo momento no que presente a súa candidatura" para liderar o Partido Popular a nivel estatal xa que "Galicia non pode ser un segundo prato". "Ten que elixir, ou ser sucesor de Rajoy ou ser presidente de Galicia", advertiu.
Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, a líder do Bloque asegurou que, na actualidade, o máximo mandatario autonómico ten unha "axenda de ambición persoal" na que "Galicia queda reducida a unha sala de espera vip mentres espera polo seu avión para Madrid".
Por iso, aínda que ve "lexítimo" que Núñez Feijóo queira "postularse" como líder do Partido Popular, argumentou que "sería unha falta de respecto ter un goberno paralizado" e "subordinado" á súa "axenda persoal.
"Fronte a este presidente en modo candidato" e que "só ten na cabeza como pilotar a un Partido Popular condenado por corrupción", a portavoz nacional do BNG destacou que a súa formación defenderá no Parlamento galego "os intereses de Galicia".
"AXENDA GALEGA"
Para iso, nun contexto de cambio no Goberno central despois da moción de censura, incidiu en que o Bloque proporá na Cámara autonómica activar unha "axenda de país" que "poña encima da mesa" os temas "chave" para Galicia como, na súa opinión, son a transferencia da AP-9, a derrogación da prórroga que permite a continuidade de Ence na ría de Pontevedra, así como a reclamación do Pazo de Meirás.
Así mesmo, volveu a referirse á "necesidade" de pór en marcha unha "tarifa eléctrica galega" que "permita rebaixar un 15%" o recibo da luz; un novo "modelo de financiamento", baseando no concerto económico, que acabe coa infrafinanciación dos concellos galegos"; así como máis recursos para a loita contra a violencia de xénero.
Ademais, nunha intervención na que pediu a modernización do ferrocarril ou o cumprimento dos prazos da AVE, propuxo de novo a constitución dunha ponencia para "superar o actual marco estatutario" e evitar que Galicia quede "atrás" como "nación sen Estado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.