Por Galicia Confidencial | Santiago | 12/06/2018 | Actualizada ás 22:00
O ano 2008 é a data de nacemento que podería citarse cando se escriba unha historia do fútbol americano en Galicia. As posibilidades de adaptar este xogo aos terreos deportivos galegos tardou máis que en facelo noutros lugares da península como Barcelona, Porto ou Lisboa. Por iso actualmente o voluntarismo e a forza de vontade están tentando levantar un deporte que, milagre, se pode practicar fóra das pantallas de TV ou cinema.
A realidade é esa, que o fútbol americano para a maioría é unha disciplina iso, “americana”, encaixada nos clichés que podan botarse sobre os Estados Unidos. Pero o tempo demostrou que coa iniciativa de persoas como Pedro Álvarez, da escola de arbitraxe, ademáis de persoas que compoñen o plantel dos diversos equipos galegos, poderíase dicir que a semente está botada.
DEPORTE DE CONTACTO
Ainda que si naceu nos Estados Unidos, a súa práctica estendeuse por outros países pasando o tempo. Así, sendo a Liga Nacional de Fútbol dos EE UU a máis importante a nivel mundial, existen competicións con grande peso como a mexicana e tamén a alemana e a austríaca, como di Pedro Álvarez. O xogo é unha revisión do rugby inglés ao que se lle incorporaron novas regras, medidas, figuras deportivas e tamén medidas diferentes no que toca ao campo e outras distancias. A día de hoxe quizais sexa un dos deportes de contacto máis esixentes. Tampouco está libre de polémica, sobre todo nos Estados Unidos, onde investigacións médicas buscarían se hai relación entre fallos neuronais en xogadores e a cantidade de golpes, placaxes e lesións que reciben durante a súa carreira.
Mais polémicas á parte, o fútbol americano en realidade esixe dos xogadores unhas cualidades físicas específicas para cada posición. “Realmente este é un deporte para todos os corpos, calquera pode adestrar, pero o que si botamos en falta é xente de volume”. Volume claro está, sería unha constitución física de certo peso “serían persoas sobre os 120 kg de peso” que entrarían nas posicións de defensa e ataque.
“Este tipo de xogadores ou xogadoras terían que soportar a presión de contrincantes coas mesmas condicións físicas, así que deberían ter un tren inferior máis poderoso”. É dicir, deberían ter unhas pernas moi musculadas para soportar o empurre contrario. E a diferenza do fútbol europeo, onde as faltas están case sempre arredor do balón, neste caso calquera pode cometer unha falta porque, aínda sen balón, cada xogador ou xogadora está xogando no seu espazo ou posición. Isto esixe a presenza dun número de árbitros ou xuíces que pode andar entre os sete e oito.
“BECHOS RAROS”
A categoría quizais máis apropiada para iniciarse sexa a flag. Os equipos serian de cinco xogadores, non de once “e o terreo de xogo pode ser un campo de fútbol 7, aí os xogadores levan unhas fitas no van de cada un deles e cando se lle quita unha das fitas isto é unha placaxe” explica Álvarez. “Esta categoría é a que moita xente ve como a dos bechos raros, porque non hai placaxes, van con teas de cor e logo non hai a espectacularidade do fútbol americano de coiraza”. A flag sería a día de hoxe “a variedade máis estendida por Galicia, ademais hai equipos mixtos e en total temos catorce combinados neste estilo”.
Tamén hai que apuntar que “este non é un deporte barato” recoñece Pedro Álvarez. Certamente as impedimentas dos xogadores deben levar un bo investimento por parte dos, xogadores. Porque iso tamén se debe apuntar “non hai profesionais neste deporte, non está profesionalizado en España”. Por iso, para darlle un empurrón diante da falta de practicantes, os equipos botan man dos denominados importados. “Son persoas que non subirán máis de categoría dentro do fútbol americano” sinala Álvarez.
As persoas sinaladas serían quen non pasan o corte para ir da liga universitaria á liga profesional, por exemplo. “É un proceso selectivo que vai cribando ata deixar só os máis aptos e aptas”. Maiormente son estadunidenses e tamén mexicanos, pois México ten a segunda liga máis grande do mundo.
DIFUSIÓN
Aínda que a cultura popular contemporánea grazas aos medios de masas ten difundido abondo todo tipo de manifestacións deportivas dos EE UU, a práctica do fútbol americano non ten a incidencia doutros deportes tamén de orixe norteamericana, como o basket por exemplo.
Por iso, a difusión dentro de centros de ensino é unha das tácticas seguidas pola Asociación Galega de Fútbol Americano. “Enviamos xente dentro das horas lectivas que explique cales son os fundamentos e bases do deporte” explica Álvarez “pero certamente ao non ser unha actividade remunerada temos unha falta de persoas que saquen a liga para adiante”.
Se hai algo que queren destacar as persoas involucradas nunha disciplina coma esta é que “pode ser o deporte que acolla a persoas sen vocación deportiva para outro tipo de competicións porque acolle a xente de diferentes condicións” di Pedro Álvarez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.