Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2018 | Actualizada ás 12:30
O Clúster Audiovisual Galego organiza dúas misións comerciais inversas con Alemaña e Latinoamérica co obxectivo de fomentar a exportación do sector audiovisual galego. Faino no marco da segunda edición do foro internacional de coprodución de ficción para televisión Conecta FICTION, que terá lugar en Santiago do 18 ao 21 de xuño. Así pois, o Clúster promoverá encontros entre as súas empresas e potenciais coprodutores e distribuidores alemáns e latinoamericanos.
As misións comerciais inversas do audiovisual con Alemaña e Latinoamérica inclúen diversas actividades como obradoiros e encontros coas empresas de ambas delegacións, entre eles, os que se celebrarán o xoves 21 de xuño na Cidade da Cultura. As empresas galegas que se reunirán a vindeira semana coas delegacións convidadas son Adivina Producciones, Agallas Films, Congo Producciones, CTV, Ficción Producciones, Gaitafilmes, Portocabo, Tamboura Films, Xamalú Filmes e Zenit Televisión.
Con estas accións, búscase promover a internacionalización das súas empresas e tamén fomentar o establecemento de contactos iniciais entre os socios e as compañías procedentes de Alemaña e Latinoamérica que puideran culminar en acordos comerciais. Ambas as dúas misións realízanse dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Igape, Xunta de Galicia e UE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.