Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2018 | Actualizada ás 21:00
A CIG e UGT denuncia a "falta de negociación e maninupación informativa da Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural". Os Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia seguen demandando uns horarios e salarios "dignos". Segundo os sindicatos, a proposta da que fala a Secretaria Xeral non é a mesma que a que remitiron ás centrais sindicais.
O que a Consellería pretende é que o persoal realice 192 horas ao mes durante seis meses, sen ter en conta os coeficientes de ampliación para horarios nocturnos e de fins de semana e festivos. "Este tipo de horarios a quendas implica traballar uns fins de semanas, festivos e nocturnos de xeito case contínuo, o que implica a imposibilidade de conciliar a vida familiar e laboral".
CIG e UGT esixen que se trate aos Axentes Medioambientais con "dignidade". "Rexeitamos unha ampliación horaria e reiteramos a necesidade urxente de ampliar o numero de prazas para dar un servizo axeitado na conservación do patrimonio natural e forestal de Galicia", din.
Dende a Xunta de Galicia informáronos de que farán un "esforzo económico" e oferta pagar 24€ ao día. Isto supón unha suba de 0,6 euros/hora, sexa o día que sexa. "Nótase que quen propón isto traballa de luns a venres, durme na súa cama todos os días e non nun coche", quéixanse os sindicatos. Por isto, esixen o recoñecemento dun incremento de case 23 euros brutos ao mes no ano 2019 e 2020.
Finalmente, os sincidatos recordan á Xunta a manifestación de mais de 400 axentes que tivo lugar nas rúas de Santiago de Compostela o pasado 24 de maio para reclamar unhas condicións de traballo dignas. Estando a situación estancada, CIG e UGT insta "a que a Secretaria Xeral Técnica de Medio Rural escoite os berros reclamando dignidade e non veña con mentiras de promesas económicas que pretendan xustificar ao fin, a explotación laboral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.