Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 13:17
Os Ateneos de Galicia volverán reunirse esta tarde do mércores, 20 de xuño, tras os acordos acadados na última xuntanza, celebrada o pasado 15 de marzo en Santiago de Compostela, a iniciativa do Ateneo de Santiago como parte da súa programación do X Aniversario.
Nesta ocasión o anfitrión será o Ateneo de Pontevedra, que acollerá na súa cidade a membros das directivas dos Ateneos de Santiago, Ferrol, Vigo, Ourense e Marín, nunha sesión de traballo que comezará ás 16.30 horas na Sala de Conferencias da Casa das Campás, situada no segundo andar do número 9-11 da rúa de Don Filiberto, sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Entre os puntos da orde do día que se tratarán están o estudo da posible creación dunha páxina web conxunta que recolla as actividades desenvolvidas polos Ateneos de Galicia, así como a posibilidade de crear unha organización a nivel galego, compromisos adquiridos coa sinatura do Convenio de colaboración entre os Ateneos de Galicia e recollidos nos seus puntos 2.a e 4.
Ademais, un representante de cada Ateneo realizará unha intervención breve expoñendo o estado actual da súa entidade ao respecto de socios, programación, orzamento e dificultades actuais, co obxectivo de poñer en común o papel de cada Ateneo de cara ao futuro e os problemas e retos a superar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.