Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2018 | Actualizada ás 19:52
Os axentes forestais e ambientais de Galicia farán folga os próximos 25 e 26 de xullo, en plena campaña de alto risco de incendios, para esixir que a Xunta chegue con eles a un acordo de renovación das súas condicións laborais, "caducas e obsoletas" desde hai anos. Ademais, se a partir de entón non recibiron un documento que vexan aceptable (a proposta polo momento considérana "unha verdadeira tomadura de pelo"), convocarán folga de carácter indefinido a partir do 1 de agosto.
Así o decidiu este colectivo nunha asemblea celebrada este xoves na chaira da estación de autobuses de Santiago, antes de manifestarse fronte ao complexo administrativo de San Caetano. José Manuel Couselo (CIG) e Mónica Ramos (UXT) foron os encargados de dirixir este encontro, no que o primeiro deu traslado da "oferta irrisoria" da Dirección Xeral de Función Pública até o momento. "É unha verdadeira tomadura de pelo", censurou.
Así, ante esta "falta total de respecto", e reivindicando melloras laborais que afectan as xornadas e á conciliación, pero tamén ao complemento específico (cifran a subida que reclaman en torno ao 11%), os traballadores acordaron comezar con dúas xornadas de paros, que se converterán en indefinidos o 1 de agosto en caso de non chegar a un acordo satisfactorio para as partes. Ademais, decidiron incrementar a súa presenza en actos oficiais e "propagandísticos" da Administración, coa intención de incrementar a visibilidade das súas demandas. En caso de chegar á folga, incidiron en que só se atenderían os servizos mínimos e, en previsión de que sexan elevados ao estarse no alto risco, fixeron fincapé en que se prestaría atención ás emerxencias: incendios forestais e verteduras.
'BOLIS CAÍDOS'
A posibilidade dunha folga de 'bolis caídos' tamén foi barallada polo colectivo de axentes forestais e ambientais, que se encargan de redactar informes, tramitar expedientes sobre subvencións e autorizar permisos de curtas, entre outros actos administrativos. Con todo, optaron por estar amparados pola folga indefinida para adoptar esta medida na práctica, ante o risco de verse afectados por expedientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.