Coñece cales son as principais empresas morosas de Galicia

A Axencia Tributaria volveu facer público o documento das compañías que teñen débedas con Facenda superiores ao millón de euros. Nos postos de cabeza seguen estando grupos inmobiliarios; Martinsa-Fadesa, con máis de 50 millóns e grupos vinculados con Mahía, con 28 millóns. Ademais estan outras firmas que deixaron na rúa a centos de traballadores, e tamén o ex ministro Rodrigo Rato ou o cantante Miguel Bosé.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 29/06/2018 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

A Axencia Tributaria publicou este xoves o nome dos grandes morosos de todo o Estado. Unha listaxe na que están as empresas ou persoas xurídica que acumulan débedas de máis dun millón de euros con Facenda.  Esta é a cuarta versión dun documento que o organismo tributario fixo público, por primeira vez, en 2015 e que causou unha gran polémica xa que nel aparecían destacadas empresas e numerosos famosos. Nesta nova versión son 4.318 os morosos, que deben 15.300 millóns de euros.

Tenda de Pórtico Básico na rúa Policarpo Sanz en Vigo
Tenda de Pórtico Básico na rúa Policarpo Sanz en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Uns morosos que tamén hai en Galicia. O caso máis rechamante é o da constructora Martinsa-Fadesa, que naceu na Coruña, aínda que agora teña a súa sede en Madrid. A que chegou a ser unha das grandes empresas inmobiliarias de España protagonizou en 2008 o maior concurso de acredores da historia de España cunha débeda de 7.000 millóns de euros. Formaba parte do G-14. En 2011 volveu entrar en concurso de acredores. En 2015, tras non chegar a un acordo cos bancos acredores entrou en proceso de liquidación.  Esta compañía aínda lle debe a Facenda máis de 50 millóns de euros. Unha cantidade que non variou moito desde a primeira listaxe da Axencia Tributaria, en 2015. 

Despois de Fadesa sitúase outro gran grupo inmobiliario, Mavieira Sociedad Limitada, con máis de 28 millóns de euros. Esta empresa, vinculada co grupo Mahía, xurdiu dunha fusión entre varias firmas, entre elas Nova Maexpa S. L., Maexpa Bello S.L, Monba Tiendas S.L., Espíritu Santo 44 S.L. e Promociones Avieira S.L. De feito, o grupo Mahía chegou a ser despois de Fadesa, a segunda promotora galega en facturación.  Un imperio que caeu coa crise inmobiliaria. Tamén o que fora o seu administrador único, Ramón López Casal, condenado por un delito de prevaricación.

COMPAÑÍA GALLEGA DE LICORES

O mesmo lle aconteceu ao administrador da  Compañía Gallega de Licores S.L., con sede en San Cibrao das Viñas  (Ourense), que chegou a enfrontarse a unha petición de oito anos de cárcere por unha presunta fraude de 14 millóns co IVE e o Imposto Especial sobre o alcol. A empresa suma unha débeda con Facenda de 22,1 millóns de euros.  Unha cantidade semellante á da metalúrxica Acerías As Pontes, presidida por Santiago Añón Rey, cuxa débeda coa Axencia Tributaria segue sendo de 21,5 millóns.

Fábrica láctea de Clesa en Caldas
Fábrica láctea de Clesa en Caldas | Fonte: clesa.net

E pechan o ranking dos morosos galegos Armaduras metálicas Lambda SL, con sede en  Cambre e que adebeda máis de 15,5 millóns de euros, case a mesma cantidade que Biocarburantes de Galicia S.L, de Guitiriz (Lugo), con 15,3. A Sociedade anónima de Desenvolvemento e Control (Sodesco) arrastra 11,3 millóns sen abonar ao fisco. Sodesco era o brazo patrimonial do expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro.

CLESA, PLÁSTICOS REGUERA OU PÓRTICO

A máis distancia sitúase a láctea Clesa, unha das grandes empresas leiteiras de Pontevedra coa súa planta de referencia en Caldas de Reis. Hoxe a súa sede fiscal está en Madrid e ten unha débeda fiscal de 6,7 millóns. Síguelle a cementeiraq Galega de Moenda de Clínker, de Coirós, na Coruña. Adebedalle a Facenda 6,4 millóns de euros.

Tamén Plásticos Reguera, empresa auxiliar de automoción con sede no Porriño, acumula na Axencia Tributaria 5,8 millóns en débedas. A empresa anunciou o peche en 2013 e deixou na rúa a case cen traballadores.  Con preto de 5,6 millóns aparece a construtora Cuiña, bandeira do grupo fundado por Emilio Ramón Alonso Carballo, e logo Pórtico, con case 5 millóns. Outra empresa con sede en Mos que deixou na rúa a case 250 traballadores. Pola súa banda, a tecnolóxica Blusens débelle desde 2015 á Axencia Tributaria 4,6 millóns, mentres que o seu fundador era detido este ano por delitos contra a propiedade intelectual. 

OUTROS MOROSOS

Con débedas menores atópase Fabricantes de Galicia y Asociados SL, con sede en Santiago de Compostela e unha débeda de 4.351.000 e Ferralla Lois, SL , de Carral (A Coruña), con 4.207.200. Tamén destaca o caso do grupo Marvil, de Tomiño (Pontevedra), que figure doblemente como moroso. Por unha banda, a través de Inversiones Innoviliarias Marvil, con 4.432.893 euros e logo con Marvil Construcciones y contratas SL,  con 1.211.533 euros.

Tamén chama a atención desta listaxe de Facenda que sigan estando como morosos o Club Deportivo Ourense S.A.D, con  1.053.579 euros ou Producciones Artísticas Lito SL, con 1.412.348 euros, cuxo fundador Ángel Martínez Pérez foi condenado este ano a 12 anos por fraude fiscal.

Na listaxe de Facenda segue estando como moroso o notario vigués César Cunqueiro González-Seco, fillo do escritor Álvaro Cunqueiro, que ten por pagar pouco máis dun millón, a pesar de ter pagado xa 1,4 millóns  desde a listaxe de 2013. Tamén figura o despacho Antonio Pérez y Asociados Abogados SL, de Vigo, con 1.589.269 millóns.

OS QUE XA NON ESTÁN

Non aparecen os laboratorios Nupel, que foron o embrión do Caso Campión, no que foron investigados numerosos políticos, e que rematou coa condena do seu fundador, Jorge Dorribo. En 2015 debía 1,1 millóns. Hoxe xa non figura na listaxe. Tampouco aparecen xa os 2,3 millóns dunha das farmacéuticas implicadas na rede, Lucía Molares Uzal.

Ademais, desapareceron da lista o Balneario de Mondariz, que debía 2,9 millóns; Pilotes Posada, con 1,5 e o Compostela, que debía 3 millóns.

NOVO DOCUMENTO

As cifras deste 2017 son inferiores ás da primeira lista xa que hai un 5% menos de morosos e a débeda global caeu o 0,6%. Respecto dos nomes, non hai grandes variacións en termos xerais: a maioría son persoas xurídicas e máis do 44% da débeda está en mans de sociedades crebadas ou en concurso, o que dificulta calquera recuperación.

Dos debedores, apenas 340 son persoas físicas, con 760 millóns de euros de débeda, a case dous millóns por persoa. Nas persoas xurídicas, pola súa banda, cóntanse 3.978 nomes, desde os 4.211 anteriores, cunha débeda de 14.600 millóns, uns cen menos. Con respecto á primeira listaxe, publicado en decembro de 2015, saíron del 1.515 debedores. Supón que un 30% dos que aparecían na primeira listaxe.

PERSOAS COÑECIDAS

O exvicepresidente do Goberno e expresidente de Bankia, Rodrigo Rato, e o cantante Miguel Bosé Dominguín aparecen por primeira vez na lista de morosos publicada este xoves por Facenda por ter, a 31 de decembro de 2017, débedas coa Administración Tributaria superiores en cada caso ao millón de euros.

En concreto, o artista Miguel Bosé entra na lista por ter unha débeda de 1,86 millóns de euros con Facenda, á vez que Rato ingresa na listaxe cunha débeda lixeiramente superior ao millón de euros (1.002.103 euros).

Promoción inmobiliaria de Fadesa
Promoción inmobiliaria de Fadesa | Fonte: diariovasco.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Un galego

Vaia chapuza de artigo. As que teñen a sede social en Madrid son madrileñas e non sei que pintan aquí.

1 ácido Fosfórico

Eso, que paguen, que a nosotros siempre nos quitan el iva y nadie nos pregunta. https://acidos.info/fosforico/