Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/06/2018 | Actualizada ás 11:50
"Desvío de poder" e "arbitrariedade". Estes son algúns dos argumentos utilizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para anular unha praza de alta dirección para a que a Valedora do Pobo elixiu a María Puy Fraga, irmá de Pedro Puy Fraga, portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia.
A sección 1 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presidida por Fernando Seoane Pesqueira e con Blanca María Fernández Conde e Dolores Rivera Frade anulou este nomeamento por irregularidades no proceso ao entender que a valedora, Milagros Otero, intercedeu para que o cargo recaese nunha persoa coa que tiña relación.
Foi Fernando Jorge Mora, funcionario do Corpo Superior da Xunta da escala de Letrados (Grupo A) o que impugnou en vía xurisdicional a resolución do 4 de marzo de 2016 da Valedora dunha convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de xefe do servizo de Administración e Persoal desta institución. Posto para o que foi elixida María Puy Fraga.
O demandante alegou que se comenteron "groseiras infraccións do procedemento, que, ademais, denotan unha manifesta desviación do poder, no sentido de que a elección de candidata seleccionada estaba claramente predeterminada antes de efectuarse a convocatoria".
Algo que confirma a entenza, á que tivo acceso Galicia Confidencial, que recolle que a valedora do pobo, Milagros Otero, cometeu "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao intervir no proceso con "interese de que fora seleccionada a señora Puy Fraga", todo iso a pesar de que se abstivo de participar no procedemento "sen chegar a especificar" as causas para facelo.
COMO FOI A SELECCIÓN
Para resolver esa praza de libre designación, a valedora pediu un informe que foi avaliado por Jesús Martínez Girón, catedrático de Dereito do Traballo na Universidade da Coruña; Fernando Luis de Andrés Alonso, secretario xeral do Valedor do Pobo e María Beatriz González Moreno, coordinadora xeral do valedor do Pobo. Dito informe tiña que versar sobre o "cumprimento polos aspirantes das condicións sinaladas nas bases da convocatoria, dos criterios para a adecuada slección, debendo formular a correspondente conclusión tras o exame da totalidade de solicitudes e documentación aportada".
A sentenza recolle que o tribunal que debeu elixir esa persoa tiña, "ou ben intereses persoais" en que saíra elixida esa persoa ou "amistade íntima con algún dos aspirantes". Tamén suliña que "existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto. Isto, segundo a setenza, orienta "á apreciación de infracción do principio de igualdade de todos os candidatos, e favorecemento da candidata finalmetne elixida, e, con iso, dun motivo de nulidade da resolución impugnada".
"DESVIACIÓN DE PODER"
O tribunal aprecia "desviación de poder e arbitrariedade" na resolución adoptada. Así, di que chama a atención que se solicite a emisión dun informe a un catedrático de Dereito Administrativo, e non a un de Traballo, "xa que ao marxe dos méritos que o señor Martínez Girón poida poseer, indubidablemente aquel sería máis adecuada á vista das funcións propias do xefe de servizo de Administración e Persoal de dirección, organización e control dos servizos administrativos e de mantemento da sede do Valedor, así como coordinación coa Intervención do Parlamento.
Tamén suliña que chama "poderosamente" a atención que en dito informe do 4 de marzo do 2016, decisivo para a resolución da praza, soamente se valoran os méritos dunha das candidatas, en concreto da señora Puy Fraga, finalmente adxudicatiria, non dos restantes candidatos, "co que se incumpre o encargo efectuado a quen tiña o cometido de elaboralo, á vez que se ofrecen evidentes mostras de favorecimento e predeterminanción no seu favor".
"No caso presente, xa non é só que a nula referencia aos méritos dos demais candidatos permite deducir que non teñen sido examinados nin ponderados, senon que, ademais, existen indicios claros de que os criterios de selección e os méritos evaluables teñen sido determinados coa finalidade de favorecer a quen finalmente resultou adxudicataria do posto convocado, polo que a motivación é insuficiente e resulta patente a infracción dos principios de mérito e capacidade".
En definitiva, o alto tribunal galego sinala que o exame do expediente administrativo aporta "sobrados datos" de que na selección da adxudicataria do posto convocado non se guiou a quen adoptou a decisión polos principios de igualdade, mérito e capacidade, senón "polo desexo de adxudicarllo a unha das candidatas, con desprecio da valoración dos méritos e aptitudes evidenciados polos restantes aspirantes, cuxa documentación nin sequera se tomou en consideración, pois non existe un mínimo contraste ou comparación entre as cualidades destrezas e habilidades exteriorizadas por todos os candidatos".
En Marea xa pediu a dimisión de MIlagros Otero por un claro caso, din, "de abuso de poder" ao "enchufar" a irmá de Puy Fraga. Tamén o PSdeG pide que marche por "responsabilidade política". Pola súa banda, o Valedor defende que a contratación da irmá de Puy Fraga anulada polo TSXG foi legal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.