SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 20:05 por EUROPA PRESS
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a dez anos e medio de prisión ao autor da morte do veciño holandés da aldea de Santoalla, no municipio de Petín (Ourense).
O xurado popular, por sete votos a favor e dous en contra, considera ao condenado culpable dun delito de homicidio e outro de tenencia ilícita de armas, que levan penas de dez anos e seis meses de prisión, respectivamente. Ambos os delitos foron atenuados pola anomalía psíquica do procesado, que ten acreditada unha discapacidade mental leve.
Así mesmo, o procesado, que se atopa en prisión preventiva desde decembro de 2014, deberá indemnizar á muller da vítima con 50.000 euros e non poderá comunicarse ou aproximarse a esta a menos de 300 metros durante un período de 11 anos e cinco meses. O irmán do condenado foi eximido de pena polo delito de encubrimento ao gardar relación de parentesco co autor do homicidio.
Segundo recollen os feitos probados da sentenza emitida este venres, o condenado atopouse coa vítima --que ía no seu coche-- o 19 de xaneiro de 2010 e disparoulle un tiro polo portelo do vehículo, o que provocou a súa morte "inmediata".
O irmán do condenado, que subía co seu tractor desde Petín, atopouse á entrada do pobo o cadáver do holandés dentro do coche e ao autor dos feitos nas proximidades. Así, coa intención de que o crime quedase impune, "após aparcar o seu tractor, puxo o cadáver no asento de atrás".
"Aproveitando o seu coñecemento da zona, levou o vehículo por pistas forestais a 18,5 quilómetros, nunha zona denominada 'As Tozas de Azoreira', de nulo tránsito, de moi difícil acceso e vedada á caza", recolle a sentenza.
Unha vez neste lugar, para lograr a impunidade dos feitos, "o irmán do procesado escondeu o coche do holandés entre uns piñeiros, sacaron o cadáver do vehículo, trasladárono alén do camiño, a uns 150 metros, e prendeulle lume cunhas ramas de piñeiro".
Así as cousas, a sentenza da Audiencia Provincial de Ourense coincide en gran parte coa petición que efectuara o Ministerio Público e a defensa. A diferenza das reclamacións de Fiscalía e defensa, o fallo decreta a orde de afastamento do condenado en 300 metros, distancia que deberá gardar o condenado respecto da muller da vítima durante un mes menos do solicitado pola acusación.
O tribunal popular que xulgou o caso considerara culpable ao condenado con sete votos a favor e dous en contra. As partes poderán recorrer a sentenza ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun prazo de dez días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.