Vídeos: incendio nun catamarán na ría de Arousa con 37 turistas feridos, dous deles graves

O accidente produciuse nunha embarcación que cobre a ruta entre A Toxa e O Grove. O fume foi visible en toda a ría.

Por Galicia Confidencial | O Grove | 24/07/2018 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

Un catamarán turístico con medio cento de pasaxeiros incendiouse na tarde deste martes na ría de Arousa co resultado de cando menos dous feridos graves por queimaduras, ademais doutros 35 máis leves. O intenso fume negro foi visible desde toda a ría.

Incendio nun catamarán na ría de Arousa.
Incendio nun catamarán na ría de Arousa.

As chamas producíronse, ao parecer, por unha explosión na cociña e os tripulantes tentaron atracar nunha batea de mexillóns para baixar os pasaxeiros. 

Inmediatamente se mobilizaron os servizos de emerxencia, que trasladaron en helicóptero ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ás dúas persoas feridas con queimaduras graves, segundo informou o 112 Galicia. O resto de feridos foron trasladados a centros médicos da provincia de Pontevedra.

Segundo algunhas testemuñas, varios dos pasaxeiros decidiron lanzarse á agua para evitar o lume.

Pola súa banda, Salvamento Marítimo indicou que había varias embarcacións tentando localizar a todas as persoas que ían a bordo, xa que varias delas puideron saltar a terra, xa que o catamarán se atopaba encallado. Aínda que indican que "en principio" non hai desaparecidos, séguese coa procura "por se acaso".

A Garda Civil, así como o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, confirmaron que ían a bordo 40 pasaxeiros adultos, oito nenos e catro tripulantes da embarcación.

De acordo co 061, a primeira alerta recibiuse sobre as 16,20 horas por unha colisión entre un barco e unha batea. Así, por parte de Urxencias Sanitarias, mobilizáronse dous helicópteros medicalizados con base en Santiago e Ourense; tres ambulancias medicalizadas, seis convencionais, trece ambulancias asistenciais, un vehículo de apoio loxístico e un equipo médico do centro de saúde do Grove.

A continuación, foron mobilizados as embarcacións 'Salvamar Sargadelos' e 'Euro', a patrulleira da Garda Civil 'Corvo Mariño', e os helicópteros da Xunta 'Pesca I' e 'Pesca II'.

A maiores, segundo o 112, desprazáronse os bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, a Policía Local do Grove, o grupo de emerxencias supramunicipal (GES) de Sanxenxo, ademais de Protección Civil de Cambados e O Grove.

Os servizos de emerxencias atenderon os feridos con queimaduras de diversa consideración e tamén con ataques de ansiedade.

O catamarán sinistrado é o 'Boramar', pertencente á empresa Cruceiros Rías Baixas, que levaba operativo apenas uns días, desde as Festas da Carmen, segundo diversas fontes consultadas. O barco estaba cubrindo a ruta entre a illa da Toxa e o porto do Grove.

TESTEMUÑAS

Varias testemuñas sinalan que se produciu unha explosión a bordo, ao parecer na cociña, que foi a que desatou o incendio. Os pasaxeiros tiveron tempo de arroxarse ao mar, onde foron inmediatamente rescatados por outros barcos turísticos e embarcacións recreativas particulares que se achaban na zona, moi concorrida durante estes meses de verán.

Testemuñas presenciais aseguran que en poucos minutos o barco estaba completamente en chamas. A columna de fume podía verse desde practicamente todos os recunchos da ría de Arousa.

REACCIÓNS DO ALCALDE DO GROVE

O alcalde do Grove (Pontevedra), José Antonio Cacabelos, expresou este xoves que "a mellor noticia é que non hai vítimas mortais" a raíz do incendio dun catamarán fronte a Illa da Toxa que deixou a dúas persoas feridas de gravidade.

"Todo isto foi un susto que a ninguén nos gusta vivir, pero hai que acometelo", manifestou en declaracións a Europa Press, para logo reducir o incidente a un suceso que, espera, "non se volva a producir". Así mesmo, o rexedor local do municipio pontevedrés fixo fincapé na reacción dos mariñeiros, e o despregamento de emerxencias e forzas de seguridade que atenderon aos feridos.

"Primeiro hai que destacar o acto voluntario dos mariñeiros dunha embarcación que se achegou para rescatar aos que se lanzaron á auga", valorou. E é que das 52 persoas que ían a bordo, algúns se lanzaron ao mar e outros puideron saltar a terra, xa que o catamarán atopábase encallado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta