Guía para non perderse un 25 de xullo cheo de actos políticos

Os partidos galeguistas, nacionalistas e independentistas celebrarán o Día da Patira por separado. As formacións que conforman En Marea tamén irán por libre con distintos actos en Galicia. O PSdeG fará unha ofrenda en Rianxo e o PP homenaxea a Albor.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Este mércores celébrase o día grande de Galicia. Un día no que uns piden a independendencia, outros un referendo de autodeterminación, hai quen quere máis autogoberno e logo están os que lembran a grandes políticos do pasado. Pero non hai partido en Galicia, agás Ciudadanos, que neste Día da Patria, Día Nacional de Galicia ou Día de Galicia que non reivindique, cando menos, un pouquiño, o seu “ser galego.”

Causa Galiza marcha polas rúas de Compostela o 25 de Xullo
Causa Galiza marcha polas rúas de Compostela o 25 de Xullo | Fonte: diarioliberdade

Varios partidos iniciaron xa esta semana unha axenda ampla de homenaxes e actos de reivindicación que, no caso das forzas nacionalistas e independentistas consolídanse por separado desde que en 2012 produciuse maior ruptura da forza que até entón aglutinaba o sentir 'nacional'. Así, o BNG, Causa Galiza e Agora Galiza irán por libre, igual que acontecerá entre as formacións que forman parte de En Marea –a propia En Marea, Anova, IU e Podemos--. Tamén se apuntan a este día o PSOE e o PP con diversos actos simbólicos. Outras formacións como Compromiso por Galicia ou Converxencia 21 tamén celebrarán actos conmemorativos.

PSOE e PP

O PSdeG repetirá a súa tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao en Rianxo, localidade natal do polifacético galeguista, nun acto no que se estreará Gonzalo Caballero como secretario xeral da formación após gañar as primarias en outubro do pasado ano.

Na localidade do Barbanza, o líder dos socialistas galegos estará acompañado polo expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, que volveu involucrarse nos actos de partido logo da chegada de Caballero á Secretaría Xeral. A última vez que Touriño participou no acto de Rianxo foi en 2008, meses antes das eleccións autonómicas que supuxeron a volta do PP a San Caetano.

Manifestación de Anova o Día da Patria de 2014
Manifestación de Anova o Día da Patria de 2014

Mentres, os populares, que reservan a xornada do 24 e 25 aos actos institucionais previstos, este ano convertertiron o funeral institucional ao expresidente Gerardo Fernández Albor na súa "homenaxe galeguista". Neste acto celebrado na Catedral de Santiago estiveron os presidentes da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do Parlamento, Miguel Santalices, á cabeza, ademais do novo presidente do PP, Pablo Casado.

BNG, EN MAREA E ANOVA

Pola súa banda, o 25 será, como é habitual, unha xornada de reivindicación da Patria galega por parte das formacións nacionalistas e, nesta ocasión, o BNG conmemorará os 50 anos da primeira manifestación, aínda na ditadura franquista, co lema "Sumar por Galiza", pero sen alusións á autodeterminación. Como é tradición, ás 12,00 horas partirá a mobilización da Alameda, que culminará na Praza da Quintana. Posteriormente, haberá o tradicional xantar na Carballeira de Santa Susana.

Por segundo ano, En Marea celebrará como partido político o Día da Patria, aínda que os partidos que apoian a formación rupturista terán as súas propias actividades programadas, como xa ocorreu en xullo de 2017. O partido que encabeza Luís Villares programou un día de lecer en Vista Alegre, na capital galega, onde participará a vicepresidenta da Comunitat Valenciana e coportavoz de Compromís, Mónica Oltra.

Pola súa banda, Anova, a formación cofundada por Xosé Manuel Beiras e que lidera Antón Sánchez celebrará, a poucos metros de distancia de En Marea, o seu acto político, as 10.30 horas, no compostelán parque de Galeras coa reivindicación do "dereito a decidir".

Posteriormente, haberá unha comida popular no mesmo parque. Está por ver se a proximidade entre ambos os eventos deixa algunha instantánea na que se unan os dirixentes, como ocorreu o pasado ano, aínda que En Marea chega fortemente dividida a este 25 de xullo polo impulso dunha mesa da confluencia por parte da Compostela Aberta de Martiño Noriega, co obxectivo de "relanzar" o proxecto.

INDEPENDENTISTAS 

Tamén as forzas independentistas irán divididas. Causa Galiza iniciou unha campaña independentista en Galicia, impulsada por asembleas abertas, que rematará na celebración dunha manifestación no próximo Día da Patria baixo a lenda "A independência é o único caminho". Coma a meirande parte das protestas, esta mobilización partirá da Alameda de Compostela ás 12:30h.

Así pois, esta será a 11ª convocatoria do 25 de xullo que lanza a organización, tendo en conta a ausencia dela no 2016, cando a Audiencia Nacional suspendeu as actividades de Causa Galiza. Propón este ano unha manifestación conxunta e, desta maneira, chamou á participación ao BNG, Anova, Compromiso por Galicia, CIG, CUT, Galiza Nova... entre outros. Con esta protesta, rexeitan a " rutura democrática com o Estado espanhol" e defenden "umha posiçom independentista explícita como única opçom possível para concretar a Soberania Nacional da Galiza", aseguran.

Pola súa banda, Agora Galiza celebrará unha concentración e un acto político ás 13.00 horas na Porta do Camiño baixo o lema “Xaque ao regime do 78” e reclamando unha “república socialista galega”.  Posteriormente terá lugar o “II jantar de confraternizaçom Día da Patria”, no parque de Bonaval. 

COMPROMISO POR GALICIA E C21

Tamén outras formacións celebrarán este día. Compromiso por Galicia contará con representantes do PNV e PdeCAT. Os seus actos iniciaranse ás 11:00 horas cuna Ofrenda Floral no Panteón dos Galegos Ilustres. Ás 13:30 terá lugar un acto político no Parque Euxenio Granell coa intervencións do secretario xeral de CxG, Piñeiro Docampo e  Andoni Ortuzar,  presidente do PNV.  Posteriormente celebrarase un xantar de confraternidade.

Pola súa banda, C21 celebrará un acto político en Tui, coa presenza do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e varios cargos deste partido, que rematará cunha comida.

ESQUERDA UNIDA E PODEMOS GALICIA

Esquerda Unida acudirá á localidade ferrolterrana de Mugardos --cuxa alcaldesa pertence a esta formación-- para celebrar o 25 de xullo coa "defensa do municipalismo" como bandeira, coa participación da súa coordinadora nacional, Eva Solla.

Podemos Galicia celebrará, pola súa banda, o "Día da Matria" na localidade lucense de Sarria, como tamén o fixo en xullo do ano pasado. Haberá actividades culturais e a intervención política da secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos.

OUTROS ACTOS

O 25 de xullo celebrarase a tradicional Ofrenda ao Apóstolo, na que este ano o presidente do Parlamento intervirá como delegado rexio. Un acto que ten lugar logo da entrega das Medallas de Galicia aos tres maxistrados galegos ou de orixe galega que presidiron o Tribunal Constitucional -- María Emilia Casas Baamonde, Juan José González Rivas e Álvaro Rodríguez Bereijo--, que tivo lugar este martes 24. 

Celebración do Día da Patria Galega en 1984
Celebración do Día da Patria Galega en 1984
Manifestación Día da Patria BNG
Manifestación Día da Patria BNG | Fonte: EUROPA PRESS - Archivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gallego

Ya sabemos el cuento de siempre: 15.000 bloqueiros llenan los 2.500 metros cuadrados de la Plaza de la Quintana, ja,ja,ja. La verdad es que la CIG no tiene tantos liberados, y la pena es que ocupan una estupenda plaza pública para un asunto privado en un día en que mucha gente se acerca a Santiago. ¿Por qué no se van al mercado de ganado de Amio otra vez?

2 Realismo máxico.

Divide e vencerás.

1 Gamela

Seica outros terán Pleno en Madrid e están moi cabreados por non poder asistir ás cuchipandas respectivas (pobres non sei se collerán o tren de Angrois!) https://www.noticiasvigo.es/en-mare...