Das que viñeron de fóra e quedaron en Galicia facendo Patria

Hai moitas "María Victoria Moreno" por aí adiante, persoas chegadas de fóra que namoraron de Galicia e fixeron seu o idioma e a cultura do país. Este 25 de xullo, o GC dá voz a unha vallecana, unha uruguaya, unha belga, un escocés, e un rapaz que pasou a súa nenez e mocidade en México. E o certo é que, máis alá de actos e reivindicacións políticas, é a xente, os galegos de aquí e os de alá es os que se senten galegos, os que conseguen facer unha verdadera Patria en Galicia.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 25/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

María Victoria Moreno, a escritora homenaxeada este ano polas Letras Galegas, era pontevedresa de adopción. A súa terra natal estaba en Cáceres, pero con 22 anos veu para Galicia e axiña asumiu como propias as loitas do país. Dicía ela: “eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía […]. A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”. Igual ca esta escritora, hoxe en día hai moitas persoas non galegas de nacemento na nosa terra que defenden Galicia, son activas culturalmente e falan o noso idioma con diferentes cores e acentos, pero con todo o orgullo do mundo. Persoas que, en definitiva, xa se senten galegas de corazón e pensamento, e que fan verdadeira Patria - ou Matria -. 

Lola Torrealba
Lola Torrealba

Lola Torrealba, de Vallecas (Madrid), Marina Quintillán, de Uruguay; Mónica Vancrayelynghe, de Bélxica; Douglas Naismith, de Escocia; e Paco Cerdeira, nado en Compostela pero tendo vivido a súa nenez e mocidade en México, son cinco exemplos perfectos. Eis a súa maneira de comprender Galicia:

LOLA TORREALBA, VALLECANA: "XA TRAÍA DE MADRID A CONCIENCIA NACIONALISTA"

Lola Torrealba leva sete ou oito anos en Galicia e vive en Lugo. Foi cando coñeceu o seu compañeiro, Jose Losada, cando decidiron vir para aquí. Sente Galicia a súa Patria, mais non gusta desta "Patria dividida" que se creou nos últimos anos. "A ver se somos capaces de ser adultos e facer unha convocatoria unitaria para ir todos xuntos, porque todos cabemos: nacionalistas, independentistas... Ata que iso non se produza, eu non irei ao día da Patria. Síntome incómoda decidindo a que manifestación ir", comenta. 

Ela vén de Vallecas, "un barrio obreiro de Madrid onde hai unha conciencia de clase traballadora moi arraigada, sempre comprometida cos problemas do barrio". Quizais por iso chegou a Galicia véndoa coma unha nación. "A conciencia xa a levaba, por iso entendía perfectamente que houbera persoas que quixeran defender a súa independencia, a súa cultura e o seu idioma. Eu xa o tiña asumido, non me supuxo esforzo a maiores", di nese seu particular galego con sabor madrileño. 

Mariña Quintillán
Mariña Quintillán | Fonte: PCPE

Ao que chegou, tomou a decisión de aprender o galego, porque "para poder entenderme coa xente de aquí, tiña que ser parte dela e aprender a falar o idioma", di. Para ela é fundamental coñecer a cultura do país no que vive. "Non soamente quero defender a nación e a cultura de Palestina, senón que tamén quero defender a nación, o idioma e a cultura das diferentes nacionalidades que hai no Estado". Hoxe en día, Lola é integrante da organización Madia Leva, Associaçom Galega da Língua, un conxunto de "xente comprometida que non só fala de defender, senón que o fai de verdade". Por iso Lola decidiu implicarse, para loitar pola fala e por todo o que leva consigo a defensa do país. 

Tan "a gusto" está aquí, en Galicia, que cando tiveran que voltar a Madrid por cuestións económicas antes de instalarse definitivamente en Lugo, ela sentíase "emigrante" na súa propia terra natal. "Eu non marchei porque quixera, senón por obrigación, entón entendín perfectamente o que sente o galego cando marcha do país". 

MARIÑA QUINTILLÁN, URUGUAYA: "CANDO UN SENTE AMOR POLA TERRA, TODOS OS DÍAS DEFENDE GALICIA"

Para Mariña, unha violinista que leva vivindo en Galicia dende os 15 anos, non só o 25 de xullo hai que defender o idioma e a cultura do "pobo traballador galego". E máis, tendo en conta que os seus dereitos se atopan "en retroceso": "arrebatáronnos nos anos de crise moitas loitas que xa foran conseguidas en materia de emprego, salario, dereiros sociais e liberdades, e agora, que din que estamos remontando, resulta que non estamos recuperando nada do que perdemos", comenta. 

Ela fuxiu da ditadura militar e da grave crise económica de Uruguay cos seus pais, galegos os dous pero fondamente enraizados alá, e a súa irmá. De cando era cativa recorda que o seu pai lles falaba bastante galego na casa. "Eu aprendera unha canción bilingüe e pensaba que o galego e o castelán eran a mesma lingua", di entre risas. Hoxe, consciente e comprometida, entende "que é importantísimo o exercicio e a defensa do idioma galego, sobre todo, pola situación ofensiva que sufriu ao longo dos anos e que continúa no presente". 

O seu galego tíntase de acento uruguayo e é un pracer escoitala. No eido cultural, ela ten formado parte do grupo A Quenlla, "un emblema da defensa da terra e do idioma". E no ámbito político, tamén ten as ideas ben claras: "todas as loitas responden a unha gran contradición entre capital e traballo: mentres esa clase que ten os medios de produción pero non traballa siga estando no poder, non haberá solución para ningún problema. E só se rachamos con iso conseguiremos que a nosa nación sexa libre de opresión". 

MÓNICA VANCRAYELYNGHE, BELGA: "EU DEFENDO MOITO MÁIS GALICIA CA O MEU VECIÑO GALEGO DE ABAIXO"

"No camiño onde eu vivo ningúen fala galego", di. Pero ela si. É belga de nacemento e veu vivir a Galicia alá polo ano 71. Daquela pasou uns anos en Barcelona antes de asentarse definitivamente en Cecebre, na Coruña. Moi axiña aprendeu o idioma, de feito, sabíao falar incluso antes de chegar a Galicia. Na súa estancia en Cataluña, cando coñeceu o seu compañeiro Miro Casabella, cantautor vencellado á canción protesta, o seu acento belga ía collendo palabras galegas. E conta que, xa co idioma dominado, "foi unha desilusión chegar á Coruña e ver que ninguén empregaba a lingua". "Téñenme dito que como falaba eu galego se non era de aquí... A cantinela segue sendo a mesma 40 anos despois", comenta. 

No seu país de orixe, en Bélxica, tamén conviven moitos idiomas. O seu, o flamenco, era entendido como o idioma dos pobres, dos pailáns e dos incultos. "No recreo obrigábannos a falar francés e ninguén sabía facelo. Pero a conciencia esperou nos anos 60 e deu a volta á tortilla", recorda. Mónica atopa similitudes entre o movemento pola defensa do propio en Bélxica e en Galicia. Alá, ela defendeu o flamenco por riba de todo, e aquí, defende o galego da mellor maneira que pode: falándoo. 

"Eu creo que me sinto moito máis galega ca a metade dos galegos", chega a dicir. Este 25 de xullo non puido asistir ás manifestacións de Compostela, pero di que nunca falta "para defender Galicia coa bandeira en man, berrar e facer acto de presenza". "Isto agora é o meu, todo o que pasa aquí repercute no futuro da miña familia". A Mónica entristécea aquela xente que renuncia á súa propia personalidade, mais conta entre risas que un día os estranxeiros todos que viven en Galicia chegarán a galeguizar o país de novo. "Ás veces somos nós máis galegos". 

DOUGLAS NAISMITH, ESCOCÉS: "TIÑA UN CADERNO ONDE RECOLLÍA FRASES EN GALEGO PARA ILO APRENDENDO

Douglas chegou a Galicia hai 22 anos e fala un galego tintado de acento escocés. Conta que tivo sorte porquem ao chegar, o seu entorno falaba o idioma, así que iso axudoulle a aprendelo mellor. Pero ademais, tiña un caderno onde ía recollendo aos poucos expresións e frases en galego. E mesmo chegou a facer un libro con el. 

El é firme defensor da independencia de Escocia, e ao preguntarlle por Galicia, Euskadi e Cataluña, comenta que apoia os dereitos de autodeterminación, mais calcula a ollo os anos que levará conseguilos: "a Cataluña uns 20 e a Galicia 50 ou 100", di con gracia. O que ten claro é que "o goberno do PP mira para Madrid, é un goberno ao que non lle interesan os sectores de Galicia: a pesca, o agro... Agora mesmo estou en Portosín, en plena temporada de sardiña, e o pobo está deserto de barcos de pesca. E por outro lado, a canto se vende o leite?". Está convencido de que non están ben xestionados. 

Neste 25 de xullo está escapado de Santiago, pero recorda que hai uns anos estiveran xuntos defendendo os intereses de Galicia. "Aquilo fora un paso para adiante, pero agora déronse dous cara atrás". A división da esquerda galega contraponse á independencia organizada en bloque no caso de Escocia. Douglas defínese a si mesmo como "galego inmigrante": "teño un fillo galego, unha muller galega, vivo en Galicia. Que vou ser eu? Galego". E como bo galego, ata recita a Rosalía!

PACO CERDEIRA, NENEZ E MOCIDADE MEXICANA: "GALICIA É A MIÑA MATRIA, QUE RECOLLE MELLOR CA A 'PATRIA' ESE AMOR POLO IMPORTANTE DA VIDA"

O importante da vida: "a lingua, a cultura e todo aquilo que debemos preservar". Así pensa Paco Cerdeira, máis coñecido como Pakolas, un rapaz que naceu en Compostela pero pasou a súa infancia e mocidade en México. "O 25 de xullo é un día importante porque a lingua existe e ocupa lugar". El celébrao como máis lle gusta: facendo e compartindo a súa música rockeira, atrevida e en galego con todos os cativos. "A música é o mellor vehículo da linguaxe, as verbas entran dunha maneira máis divertida", por iso considera importante que a rapazada teña referentes musicais no idioma do país.

Paco aprendeu a falar galego alá polo 2000, cando se instalou en Galicia. Recoñece que lle custaba moito pero di que "é cuestión de vontade. Eu namoreime do idioma. Pensei: 'onde estou? En Galicia. Pois en galego". Cando estudou programación informática en México decatouse de que non é o mesmo solucionar un problema en galego, en castelán ou en inglés. "Cando ti aprendes outra lingua, tres outra solución máis porque é un sistema operativo novo. Cando un galego responde depende, é porque ten moitas posibilidades, moitas respostas", conta riseiro. Coida que Galicia ten unha riqueza cultural máis grande do que aparentemente pensamos, e pon de exemplo os "moitos motivos rítmicos na música galega que son difíciles de entender para os músicos de fóra".

Tanto Paco Cerdeira coma Lola Torrealba, Marina Quintillán, Mónica Vancrayelynghe e Douglas Naismith son persoas que nos ensinan o valor da nosa propia lingua, cultura e tradición. Un espello no que mirarnos. Por que ás veces hai que abrir os ollos para aprender dos que naceron ou viviron máis alá das nosas fronteiras e hoxe están aquí, a pé de loita, co país e a Patria.

Mónica Vancrayelynghe
Mónica Vancrayelynghe
Paco Cerdeira (Pakolas)
Paco Cerdeira (Pakolas) | Fonte: Pakolas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta