Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2018 | Actualizada ás 22:34
"Desde xa conten coa miña firma e apoio á petición para salvar ao Centro Galego, unha institución ao servizo da saúde, da sociedade e de todos os galegos e galegas", explicou Pérez Esquivel. Quen, ademais, lembrou que o seu pai, un mariñeiro natural da localidade pontevedresa de Combarro que emigrou a Arxentina, foi un dos socios fundadores da centenaria entidade.
Porque o Centro Galego de Buenos Aires atópase en proceso de desmantelamento dende hai anos, debido a unha intervención xudicial que planea levar á quebra ou vender a institución de referencia galega no exterior. E Adolfo Pérez Esquivel, o activista arxentino defensor dos dereitos humanos e a libre autodeterminación dos pobos, o premio Nobel da Paz en 1980, vén da apoiar a loita. A loita dos socios e dos traballadores.
E fíxoo adheríndose ao "Manifesto pola defensa e o porvir do Centro Galego de Buenos Aires", que reclama "vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade aos socios e socias", así como "a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial...". O encontro organizárono as autoridades da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) e nel estiveron presentes históricos socios como Ángela Calvo e traballadores da entidade. Un encontro para que se acorde "unha solución que impida a demolición e especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir como un referente de Galicia en Buenos Aires".
CARTA A PEDRO SÁNCHEZ
O soado activista arxentino sinalou que é necesario "desarmar as roscas internas e intereses económicos" que hai detrás da situación do Centro Galego, que acumula salarios atrasados e falta de pagamentos desde o último trimestre do 2017 aos seus traballadores e un importantísimo deterioro na atención sanitaria aos socios.
Neste sentido, Pérez Esquivel ofreceuse tamén a escribir unha carta ao actual presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e convidou os socios a realizar accións conxuntas no futuro para "salvar" a esta centenaria casa da galeguidade e lograr que volva ser a referencia sanitaria, social e cultural que foi.
O MANIFESTO
O manifesto, redactado o pasado 29 de xaneiro coincidindo co 132 aniversario do natalicio de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, insta á Xunta de Galicia e ao Goberno español a impulsar "actuacións concretas ante o Goberno arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución".
A petición, con gran difusión nacional e internacional, xa foi asinado por outras autoridades do mundo da política e a cultura, como o presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín ou Manuel Rivas, o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López "Chesqui", ou o presidente e a secretaria da FAGRA, Diego Martínez Duro e Lorena Lores Doural, entre moitos outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.