Por E.P. | VIGO | 30/07/2018 | Actualizada ás 19:21
O maxistrado do Xulgado do Social número un de Vigo, José Manuel Díaz, desestimou unha demanda interposta pola CIG contra PSA Peugeot Citroën en Vigo e os sindicatos UGT, SIT-FSI, CUT e CC.OO., na que pedía a nulidade de varios puntos sobre criterios de redución de xornada incluídos nun acordo subscrito entre a empresa e o comité en xaneiro de 2009.
De acordo coa sentenza, o xuíz considera que o "aspecto fundamental que fai que o acordo non sexa contrario a dereito é que é voluntario", pois no punto sétimo establece que a incorporación aos sistemas de organización de xornada "terá carácter voluntario e realizarase a petición do traballador, podendo renunciar" á súa aplicación.
"En consecuencia, non estamos ante un acordo que supoña vulnerar dereito algún por imporse aos traballadores, senón ante unha opción que estes teñen a maiores do legal pero que non teñen que aceptar necesariamente, podendo sempre esixir a aplicación da vixente normativa legal", incide o maxistrado.
Ante todas estas cuestións, no fallo, contra o que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), conclúe que a demanda presentada pola CIG contra o convenio da factoría para a conciliación familiar debe desestimarse, e o resto das partes quedan absoltas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.