Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2018 | Actualizada ás 17:55
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "pasividade" de Pedro Sánchez desde a súa chegada ao Goberno Central hai case 100 días e reclamoulle "que dea pasos firmes para que se devolvan os bens roubados durante o franquismo". Con motivo da súa presenza nos actos organizados polo Goberno local de Poio (Pontevedra) na Caeira, no Día da Galiza Mártir, que lembra a data e o lugar onde o político galeguista Alexandre Bóveda foi fusilado, Ana Pontón sinalou que "non hai avance claro" para que o Pazo de Meirás, Casa Cornide e as estaturas do Pórtico da Gloria "sexan devoltas ao pobo galego, o seu lexítimo propietario".
Neste sentido, destacou que debería ser "a familia Franco, que está a usurpar un ben público, quen estea ante os xulgados", no canto das 19 persoas que o próximo mes serán xulgadas por participar nun "acto reivindicativo e democrático", afirmou a dirixente nacionalista en alusión aos denunciados pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco por despregar dúas pancartas no pazo de Meirás, o 30 de agosto de 2017. Precisamente, á homenaxe a Bóveda acudiron membros do colectivo '19 de Meirás' como Néstor Rego e Rubén Cela. Así, Ana Pontón cualificou como os "pozos negros do franquismo" situacións como a que representan os "bens expoliados" durante a ditadura e que "seguen en mans da familia Franco".
AXENDA GALEGA
Ademais, o BNG reclamou a posta en marcha dunha "Axenda Galega de Recuperación da Memoria Histórica" cuxo obxectivo sexa "pór punto final á impunidade dos crimes do franquismo, que se revisen e anulen xuízos sumarísimos" como o que se aplicou a Bóveda, e que o 17 de agosto sexa "declarado por lei Día da Galiza Mártir". Pontón advertiu que "as políticas do esquecemento levan á complicidade co franquismo". Fronte a isto, destacou o "compromiso" do seu partido por "manter viva a memoria, reclamar a reparación a todas as vítimas do franquismo" e que estas medidas sirvan para "ter unha democracia forte e real".
Ao cualificar a Alexandre Bóveda como un "galego exemplar, asasinado o franquismo polo seu amor a este país", Ana Pontón reivindicou a súa figura como representativa de "todas as vítimas do franquismo e do fascismo, que aínda non recibiron verdade, xustiza e reparación". Ao tratarse dun "acto aberto a todo o mundo", Pontón reprochou aos partidos que non contaron con representación nesta celebración que "coa súa ausencia" expresan "que non queren honrar ás vítimas do franquismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.