Os roles de xénero no baile galego: superalos ou convivir con eles?

O baile, como cultura viva, sempre vén condicionado polo contexto no que se produce. Por iso antigamente as mulleres desempeñaban un rol pasivo e submiso fronte ao home que guiaba o baile. A día de hoxe, estes estereotipos están superados no torreiro da festa, mais ás veces séguense vendo nos escenarios, que recrean unha foto fixa do pasado. Que camiño debemos tomar? Eis a conversa con catro mestres de baile: Montse Rivera, Carme Campo, Pedro Brañas e Antonio Prado.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 21/08/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Alá onde unha gaita soa hai uns pés que bailan. A música sempre aviva en nós esas ganas de acompañala co movemento, de seguir o seu compás e o seu ritmo. Mentres as ferreñas escintilean ao sol, as gaitas fan o seu particular xogo de aires e o bombo vibra na súa xusta medida, o baile chama pola xente. É unha maneira de expresármonos e de socializar con quen nos rodea. Non precisa de palabras - salvando os aturuxos - , pero é un idioma máis, o do noso corpo.

Muller gaiteira e home pandeireteiro
Muller gaiteira e home pandeireteiro | Fonte: Sabela Iglesias

Pasou de xeración en xeración e forma parte desa cultura viva que nos define e que nos ampara. As persoas maiores son as meirandes transmisoras do baile, e se hoxe a rapazada se bota a bailar nunha foliada, é grazas a elas. De avoa a filla, de filla a neta... así discorre a tradición dun pobo e así se mantén viva e dinámica. Como patrimonio cultural inmaterial, o baile é unha manifestación sempre presente - dos nosos días - e participa dun proceso activo e constante de creación. Depende dos contextos históricos, sociais e políticos nos que se produce, e polo tanto, convértese en voceiro da sociedade, dos seus hábitos e das súas ideas. 

"Baila, si. Pero non ergas moito os brazos, lévaos á altura dos ollos. Non saltes moito, baila con mesura, con moderación e cun sorriso na boca. Deixa que o home sobresaia da fila para bailar nas túas saias e bote o punto. Ti, obsérvao e acata os seus movementos". Algo así foi o que deberon remoer as mulleres na cabeza ao longo dos tempos. Por que o baile, como era de esperar, tampouco librou dos estereotipos machistas e patriarcais que se impregnan alá por onde pasan. Así pois, o home adopta unha postura activa e decisoria, mentres que a muller actúa submisa e segue as direccións que os pés da parella masculina marcan. As filas do baile tamén erguen unha verxa entre xéneros: cada muller con cadanseu home.

E sabendo isto, xorde o debate: que facemos hoxe en día con estes roles de xénero? Son parte da tradición e polo tanto están xustificados? Ou quizais o baile, de maneira natural, evoluciona á par dos tempos e, desta maneira, non ten sentido seguir recreando unha foto fixa? Como e cando naceron realmente estes estereotipos?

O TORREIRO E A IMPROVISACIÓN

O baile sempre aflora de maneira espontánea. Naceu no torreiro, cando homes e mulleres se xuntaban en foliadas para divertirse e pasar un bo anaco entre xotas e muiñeiras. E neste torreiro, a improvisación gañaba moito espazo, tal e como segue acontecendo hoxe en día. Os bailadores e bailadoras constrúen os puntos no mesmo momento en que os sacan, van combinando diferentes movementos que casan ben co ritmo marcado polos instrumentos. Ás veces mesmo deixan entrever o noso estado de ánimo: puntos impetuosos para a alegría e paseos calmados para a tristura.

Home botando punto no baile
Home botando punto no baile | Fonte: La Duda

O TÓPICO DA MULLER RECATADA

"No século XIX comezouse a folclorizar o baile tradicional e márcanse uns parámetros que responden á moral burguesa", conta Carme Campo, profesora na Gentalha do Pichel e promotora de Andar cos tempos. A partir dos coros e orfeóns, o baile regrouse e espectacularizouse, co romanticismo e o costumbrismo como telón de fondo. "Representar aquela Galiza ideal que parecía que se perdía en aras da industrialización" - di Carme - era a finalidade. A muller, entón, presentábase como "anxo do fogar", como alicerce das boas costumes. Sendo así, no baile debía mostrarse recatada e discreta, uns estereotipos que se foron reproducindo ano tras ano.

Logo apareceu a Sección Feminina, que os reproduciu aínda con máis forza. "Reinterpretou o baile dun xeito totalmente ideolóxico e levou os roles de xénero ao extremo", di Pedro Brañas, director da sección de baile de Cantigas e Agarimos. Chegados os anos oitenta, os grupos de baile que xa rompían con eses preceptos falanxistas subiron o baile ao escenario, mais non deixaron atrás eses códigos: "seguramente se deixaron guiar polos criterios da Sección Feminina", comenta Antonio Prado, compoñente de Xosé Lois Romero e Aliboria e de Samarúas. Filas de vinte parellas, traxes de gala, uniformización da indumentaria e do baile... son as novas pautas.

EVOLUCIÓN DA TRADICIÓN?

"O baile ten que ser un reflexo da sociedade, e no ámbito informal - seráns e foliadas - hai un avance clarísimo en cuestión de xénero. No torreiro o cambio está asumido, pero falta que tamén o estea no escenario, que aí tamén muden os patróns". Así é como o entende Antonio, á vista de que en foliadas, berce do baile improvisado, a xente baila en liberdade, sen asumir roles específicos. Montse Rivera, integrante de Leilía, descríbeo como "o baile que levamos nós dentro e que botamos para afora do xeito en que o vivimos agora".

Montse entende que por unha banda está este tipo de baile máis actualizado, e pola outra, o baile de antes. Cal deles levamos ao escenario? "Depende do tipo de espectáculo: se ti tes como obxectivo trasladar o baile tal cal o facían os nosos antergos, hai que facelo todo tal cal". Roles de xénero incluídos. Sendo así, "é importante facer fincapé no ensino, explicar o que acontecía antes para que a rapazada entendan por que era así". Pedro Brañas pensa de xeito semellante: "se ben agora eses roles de xénero non deben existir, no caso de intentar recrear unha sociedade de principios de século, eses estereotipos - complicados de defender - teñen que aparecer, non tes outra escapatoria". 

Carme Campo replica: "ese argumento non se sostén dende o momento en que enriba do escenario hai moitos códigos que se cambiaron sen ningún tipo de debate. Por que só xera controversia a cuestión de xénero?". No proxecto que ela dirixe xunto con Chus Caramés, "Andar cos tempos" - un convite a revisar o baile e a música tradicional con perspectiva de xénero - traballan con referentes que rachan co patrón. Un deles recóllese na gravación "Nuestras fiestas de allá", de José Gil. Aquí (arredor do minuto 29) vese bailar a unhas cantas persoas: "eran grupos cativos, ás veces mesmo parellas soltas, e os homes e mulleres levaban os brazos colocados iguais. Hai diferenzas individuais máis ca de xénero". Entón, pensa Carme, "se a intención dalgunhas formacións é recrear o século XIX, e ese documento é o máis próximo a esa época, porque manteñen os roles? Se nos permitimos licencias estéticas por que non licencias que busquen a igualdade de xénero?". 

Pedro Brañas comenta que quizais si "se abuse desas estruturas que a Sección Feminina implantou", mais asegura que "é unha proposta escénica". "O máis real? Non hai unha ciencia exacta". E pregunta: "Que camiño seguimos? No momento en que un grupo viste un traxe tradicional do século XIX está recreando o pasado, intentando narralo. Entón reinterpretamos todo o folclore? Subimos sen traxes? Porque hoxe en día tampouco se calzan zocos nin se poñen refaixos...", di. "Somos conscientes de que a sociedade actual é doutra maneira. O problema gravísimo sería levar os roles de xénero aos torreiros actuais. No escerario é diferente: unha vez que remata o espectáculo hai que entender que, 'señores, isto acabou e a sociedade é outra' ". 

Á parte do binomio de parella home-muller, de ser o home quen saque o punto ou a muller quen mire para o chan, tamén existen diferenzas de xénero en canto ao estilo. Montse Rivera recorda que "a roupa tamén condiciona o xeito de bailar. Dende que pos unha saia que pesa moitísimo, non podes pegar choutos coma se non levaras nada". É diferente nos seráns, onde non adoitan levarse os traxes tradicionais. Para Antonio Prado "cadaquén ten o seu estilo bailando". "Non creo que sexa bo crear robots, o baile ten que saír dun, porque cando se intenta forzar algo, deixa de ser natural", comenta. 

Mais onde radica todo? Para Carme Campo o problema está en como se perturbou o concepto de tradición. "En todo aquilo no que poñemos o apelativo de tradicional, os estereotipos están máis normalizados porque o entendemos como algo estático. Eu véxoo como dinámico: a tradición non é unha peza de museo", di. Entón, "por que facemos esa foto fixa do momento anterior?", semella contestar Antonio Prado. 

QUE BAILE QUEREMOS QUE SEXA BIC?

Todo este debate avivouse tras a presentación da solicitude para que o baile tradicional sexa declarado Ben de Interese Cultural. No texto publicado no DOG e impulsado por Quique Peón faise unha descrición do baile na que os roles diferenciados do home e da muller están presentes. Moitas das alegacións, máis alá das consideracións máis técnicas e da querenza de dedicarlle un espazo importante á música tradicional, van por este camiño. "O texto é ambiguo. Mestura o baile do pasado e do presente, céntrase no baile de espectáculo e esquece o baile que hoxe en día está vivo en foliadas e seráns", pensa Montse Rivera. Ademais, Carme Campo recorda que a UNESCO establece que para declarar calquera ben como patrimonio, ten que garantir a igualdade de persoas, cousa que non acontece nese texto.

Está claro que o debate se puxo enriba da mesa e que non hai volta atrás. E xa só isto é unha boa nova: que os roles de xénero que antes se acataban agora se cuestionen e xeren controversia. Así pois... "agora si, baila e disfruta do baile. Desfai a fila, bota punto cando che pete e sacude as normas dos teus zocos. Desaprende o aprendido que non che guste e séntete cómoda cos teus movementos". Oxalá sexa isto o que sempre escoiten as bailadoras dos nosos tempos. "Oxalá dentro de 20 anos esta conversa se converta nunha anécdota", di Pedro Brañas. Que así sexa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Aiquepunto

Onde vai o Quique Peón? Que dar tiempo que non se lle ve o pelo

3 Abraiado

Paranoias feministas. E non é tamén mostra de sexismo a existencia de traxes distintos para home e muller?

1 Raquel Tavares

Se foran actitudes submisas e vestimentas de musulmanas árabes seguro que o entendías e até te escandalizaba. Pois iso Abraiado paranoico machista, non hai pior cego que o que non quede ver o máis próximo.

2 Anticuarios? Non, grazas!

Parabéns polo artigo, amosa diferentes posturas e axuda a comprender o estado da cuestión. Certamente a situación non está para BIC, nin para aspirar a listados universales, non deste xeito. Urxe antes revisar negociados particulares e liquidar termos como tradición, cultura popular, etnografía, folclore, museo decimonónico... Non todo debe conservarse, e moito menos manter visións estereotipadas que responden a unha sociedade e a unha iideoloxía e valores nefastos dun determinado pasado recente. Actualizar o legado patrimonial para mantelo vivo, sentido polos que o herdaron e difunden, é a única garantía de futuro.

1 Hai futuro, fora carcas!

Hai futuro o baile está vivo nos torreiros e nas foliadas, e este vaise actualizando e vive os tempos que vivimos. E vexo, con ledicia, que o poder de sostemento de hexemonía cultural dos carcas e reaccionarios grupos folclóricos xa non se sostén. Por mais que se alien co PP para facer un proxecto de BIC bochornoso, o seu fin está aquí. Cada vez está mais claro o único que son: empresas que se adican a perpetuar unha foto fixa interesada e altamente reaccionaria dun momento concreto pasado (recente, por certo) que nos venderon como "tradición", pero que a pouco que profundizas, non se sostén. Non o cuestionan pois poderían perder o negocio e prefiren manter roles de xenero e absurdas indumentarias que nos venden como "auténticas" Isto supón un drama pois nos condena á unha pretendida recreación permanente (e falsaria) de 1905 Fora a sección femenina da nosa cultura. Xa está ben de Xacarandainas, de Cantigas de Flores e de Airiños do cu, carcas!

1 Carqueixa

Que tristura ler de quen se lle presupón polas súas propias palabras un amante do baile, outras de xenreira cara a unha parte do que ven sendo, guste máis ou non, parte da nosa tradición e herdanza cultural. Aceptar a diversidade cultural e recoñecer a nosa historia artística e a quen nola transmitiu, tristemente, non semella tan doado. Tanto coma foliada coma espectáculo, o baile é o noso e deberiamos tentar alonxar as sombras minifundistas que tanto enrarecen as perspectivas das nosas olladas, non só as de xénero.