Por Lois Pérez Leira | República Dominicana | 28/08/2018
As Mareas convertéronse nun mero instrumento electoral, sen proxecto estratéxico. Militantes sen experiencia nin formación política, oportunistas, posibilistas, apropiáronse do espazo da esquerda e a súa representación institucional. Ata se deron o luxo de xubilar a Xosé Manuel Beiras, o cal tamén é responsable de facer crecer “ananos”. Tamén correu a mesma sorte Mariano Abalo, outro histórico da esquerda independentista.
Agora o panorama é tráxico. Non hai nada. Non existe un programa soberanista de esquerdas, carencia de líderes, falta de organización popular etc.
Sen ningunha dúbida estamos no final dun ciclo político, tanto en Galicia como no Estado español. A consecuencia quizais máis dramática sexa seguramente a desilusión dos sectores da poboación máis comprometidos en cambiar a sociedade. Esta crise significará tamén un retroceso da conciencia colectiva do noso pobo.