Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2018 | Actualizada ás 14:11
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do xerente da área Comercial de Renfe, Javier Díaz Trisac, e do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presentou este mércores a temporada de outono dos Trens Turísticos de Galicia, que prevé 22 saídas, novas rutas, melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa seis edicións.
Os Trens Turísticos de Galicia, segundo contou Castro, conseguiron unha ocupación do 94% nas 34 saídas entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa "consolidación" como "un dos produtos turísticos máis demandados" polos galegos e visitantes.
Como explicou Nava Castro, a pesar de que a temporada estival é importante para o turismo, trátase dunha actividade que aspira a ser relevante en calquera época. "Porque hai motivos para visitar Galicia tamén no outono, inverno e primavera", dixo. Nesa liña, apostou por profundar na desestacionalización da demanda como un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020.
PATRIMONIO E TERMALISMO
Entre os itinerarios que se porán en marcha ao longo das próximas fins de semana atópase a Ruta dos Mosteiros, unha das novidades deste ano, que permite achegarse até os xardíns do Pazo de Oca, no concello pontevedrés da Estrada; ao mosteiro de Carboeiro, en Silleda; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño, ambos na provincia de Ourense. Os participantes terminan a xornada no balneario de Caldas de Partovia, onde poderán gozar das súas augas termais.
Tamén funcionará o tren Lugo Romano, que incorpora nesta ocasión teatralizaciones a cargo de actores caracterizados como personaxes históricos que farán unha serie de aparicións sorpresa ao longo do percorrido. Neste tren, o viaxeiro coñece a muralla romana, Patrimonio Mundial da Unesco, co Centro de Interpretación da Muralla e co xacemento da Domus do Mitreo. Ademais de pasear pola zona vella, a viaxe termina no Balneario de Lugo.
Outra das melloras desta edición será o tren Ourense Termal e Versalles Gallego, que inclúe tamén o Pazo de Oca, a catedral de San Martiño, na cidade das Burgas, e as termas de Outariz, consolidando unha terceira opción que conxuga patrimonio, turismo urbano e termalismo, tres dos segmentos do modelo turístico galego.
Ademais, seguirán circulando trens como a Ruta dos Faros, xa sen prazas dispoñibles ao conseguir un 100% de ocupación, o tren das Rías Baixas e da Ribeira Sacra do Miño, outra das novidades deste ano. Mantense, así mesmo, a Ruta do Viño Monterrei, a Ruta dos Viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta da Lamprea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.