Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/11/2024 | Actualizada ás 12:00
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) crea a Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia (AGAU). Así o presentaron este mércores en rolda de prensa o decano do COAG, Luciano Alfaya, e o presidente da AGAU, Alfonso Díaz, nun acto celebrado na sede colexial da Praza da Quintana en Santiago.
A AGAU ten como obxecto promover o prestixio, a solidariedade, a comunicación e a defensa dos intereses profesionais dos seus integrantes no ámbito do urbanismo, a ordenación do territorio e a xestión da paisaxe, fomentando a súa participación activa nestes campos co fin de afrontar os seus desafíos con solidez, innovación e compromiso ético. Preséntase como unha plataforma esencial para aquelas arquitectas e arquitectos urbanistas que buscan non só ampliar os seus coñecementos e habilidades, senón tamén contribuír ao desenvolvemento sostible, integrado e responsable do territorio galego. A entidade velará polo prestixio da actividade profesional nos seus eidos de actuación, defenderá os intereses dos seus membros, promoverá a participación nos asuntos relativos ao territorio, e coordinarase con outras agrupacións para a defensa de intereses comúns.
Luciano Alfaya sinalou que o Colexio está a apostar pola formación de agrupacións para poñer en valor todo o talento dun corpo colexial composto actualmente por 3.017 colexiados e colexiadas activos e especializados en diferentes áreas. Ata o de agora, nestes primeiros 50 anos de historia da entidade, só se constituíra a Agrupación de Arquitectos Peritos e Forenses do COAG. “O noso obxectivo é crear agrupacións específicas para xerar grupos de debate e de traballo especializados para dar solucións concretas”.
O decano recalcou que a sociedade actual demanda dos arquitectos respostas a temas de lexislacións, acceso á vivenda, sustentabilidade ou medio ambiente para deseñar as cidades e vilas e resolver situacións como as xeradas pola Dana. En canto ao urbanismo, Alfaya reivindicou o papel fundamental dos arquitectos no deseño e planificación do territorio, “unha función reflectida no ordenamento legal que en ocasións se relega en favor doutras ramas profesionais”. Destacou tamén que o deseño urbanístico ten que facerse tendo en conta variables económicas, sociais, culturais e medio ambientais, tarefa que debe ser realizada polos arquitectos como profesionais coa capacidade para sintetizar un proxecto harmónico.
Sobre o territorio, Alfaya puntualizou que todos os axentes sociais deben aportar, sempre coa síntese dun profesional da arquitectura e a colaboración das administracións. O decano insistiu na importancia de planificar o territorio tendo en conta variables como a evolución derivada do cambio climático ou o impacto no territorio que poden ter as grandes infraestruturas. “Non debemos esperar catástrofes horribles, como o acontecido en Valencia, para ter conciencia da importancia da xestión do territorio”, subliñou.
Pola súa parte, o presidente da Agrupación, Alfonso Díaz, un dos mellores urbanistas de Galicia, destacou que a constitución da Agrupación foi unha necesidade discutida desde hai tempo no Colexio pola importancia da ordenación do territorio e a planificación urbanística en aspectos que teñen que ver co cambio climático, os problemas da vivenda ou a singularidade do territorio.
MARCO REGULADOR ESTABLE PARA CONCEDER LICENZAS
Outra cuestión sobre a que actualmente está preocupado o colectivo con relación ao urbanismo é a lentitude na tramitación de licenzas cos concellos, debido a que o marco regulador muda continuamente e dificulta o proceso. “Un marco regulador estable é fundamental para contribuír á axilidade nos tempos de concesión de licenzas nun momento no que a demanda de vivenda é moi alta, sempre sen perder o control do proceso da súa concesión” –manifestou o Alfaya–. Nesta liña, Díaz apostilou que a axilidade non pode vir polo levantamento dos controis, xa que non pode haber desregulación na práctica profesional.
Díaz engadiu que en Galicia hai un retraso en certos aspectos do urbanismo, como na conformación da planificación territorial, sobre todo desde o punto de vista municipal. “Un 45 % dos concellos galegos teñen un planeamento urbanístico anterior á lexislación de 1997, o que significa que un 45 % da poboación rexional vive en territorios con planeamentos obsoletos. Cidades como Ourense, que ten un planeamento de 1983, ou Vigo, de 1993, exemplifican esta situación, ao igual que a periferia da Coruña con planeamentos entre 1988 e 1991 nos concellos de Cambre, Culleredo e Arteixo. A antigüidade media dos planeamentos é de 20 anos nos concellos de máis de 20.000 habitantes” –explicou–. O presidente da Agrupación manifestou que estes planeamentos non responden ás realidades actuais, non foron sometidos nunca a un proceso de avaliación medio ambiental estratéxica para facer fronte a riadas como as de Valencia, ou mesmo non dispoñen das capas que actualmente se aplican á planificación urbanística (capas de mobilidade, paisaxe, perspectiva de xénero ou cambio climático). Concretou que hai concellos que entre 2001 e 2011 multiplicaron o seu parque de vivendas sen aplicar estas capas.
FOMENTAR A FORMACIÓN DOS ARQUITECTOS EN URBANISMO
Alfonso Díaz lembrou que os arquitectos e os enxeñeiros de Camiños son os únicos profesionais con competencias para a redacción dun plan urbanístico. “No hai outra actividade profesional que teña esta competencia, polo que debemos facer valer esta competencia para a institucionalización do urbanismo”.
Tamén Díaz resaltou o labor do COAG para fomentar a formación específica en urbanismo dos equipos galegos, xa que moitos estudos tiveron que abandonar o traballo de redacción de planeamentos. Neste aspecto, Alfaya explicou que, por cuestións económicas, só equipos de fóra de Galicia teñen a solvencia para presentarse aos concursos autonómicos.
Unha formación de gran éxito é o Curso Superior de Técnico de Urbanismo, organizado bianualmente polo COAG na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e dirixido desde 2006 polo propio Alfonso Díaz. A Agrupación celebrará a súa primeira asemblea o vindeiro 28 de novembro na sede do COAG en Santiago para debater e avanzar nas súas liñas de actuación
A entidade celebrou as súas primeiras eleccións o pasado mes de outubro cando se constituíu a súa xunta directiva:
Presidente: Alfonso Díaz Revilla
Secretario: Manuel Borobio Sanchiz
Tesoureira: María Fandiño Iglesias
Vogal: Cristina García Fontán
Representante da Xunta de Goberno do COAG: Natalia Alvaredo López
Actualmente conta con 103 membros, unha cifra que medra constantemente demostrando o interese da entidade. O vindeiro 28 de novembro celebrarase na sede colexial de Santiago a súa primeira asemblea para abrir un debate de discusión sobre cales deben ser as liñas nas que se deben traballar nos vindeiros anos, como a práctica profesional, a institucionalización do urbanismo, a defensa dos dereitos urbanos, a mobilidade, a vivenda, a desigualdade, a paisaxe ou a introdución da perspectiva de xénero nas prácticas urbanísticas.
“Estableceremos unhas liñas de actuación para constituír grupos de traballo e dar resposta a calquera demanda, ademais de velar polo propio interese do urbanismo como unha actividade pública” destacou Alfonso Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.