O prezo da vivenda libre segue á alza en Galicia: un 6,4 % máis no terceiro trimestre, chegando ao seu nivel máis alto desde 2011

O incremento é superior á media de avance en España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2024 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O prezo medio da vivenda libre sitúase en 1.386,7 euros por metro cadrado en Galicia no terceiro trimestre de 2024, un 6,4 % máis que no mesmo período de 2023, segundo a estatística sobre o valor taxado publicada polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana este xoves. Esta cifra supón o valor máis alto na serie histórica en 13 anos, xa que hai que remontarse ao terceiro trimestre de 2011 para un prezo superior por metro cadrado.

Ademais, o incremento de Galicia é superior en catro décimas á media de avance do 6 % en España, aínda que o prezo é de 1.921 euros por metro cadrado no Estado, 534 euros máis que a media galega. Na comparativa co trimestre anterior, a alza na comunidade galega é do 3,1 %, máis elevado que o 1,3% de subida no conxunto do país.

Por provincias, hai unha acusada diferencia de prezos entre as provincias atlánticas, Pontevedra (1.506,9 euros) e A Coruña (1.445,3 euros), coas dúas de interior, Lugo (986,9 euros) e Ourense (973,1 euros), estas dúas últimas entre a quincena de provincias que están por baixo dos 1.000 euros por metro cadrado.

DATOS ESTATAIS

De acordo con estes datos, recollidos por Europa Press, o prezo da vivenda libre experimentou unha subida trimestral do 1,3 % no país, alcanzando o seu valor máis alto dos últimos 15 anos, exactamente desde o primeiro trimestre de 2009, cando se sitúo en 1.958 euros por metro cadrado, e achegándose a máximos de finais de 2008.

Por comunidades autónomas, ningunha reduciu o seu prezo fronte ao ano previo. Os incrementos máis elevados rexistráronse en Illas Baleares e Comunidade de Madrid, con avances do 9,9 % e do 8,9 %, respectivamente. Desta forma, a comunidade co metro cadrado máis caro foi Madrid, con 3.274,6 euros, seguida moi de preto por Illas Baleares, con 3.208,4 euros por metro cadrado.

Do seu lado, o menor incremento de prezo rexistrouse na Rioxa, cunha alza interanual do 0,8 %, ata os 1.224,1 euros por metro cadrado. Non entanto, a autonomía co prezo por metro cadrado máis baixo foi Estremadura, con 901,6 euros. Na variación por provincias, destacan os aumentos en Valencia (+10,2 %), Málaga (+9,4 %), Teruel (+9,3 %) e Santa Cruz de Tenerife (+8,2 %), mentres que só presentan contraccións nos prezos Cidade Real (-0,9 %), Melilla (-1 %), Zamora (-1,5 %), Palencia (-3,3 %).

AS VIVENDAS DE MÁIS DE CINCO ANOS SUBIRON UN 6 %

O valor medio do metro cadrado da vivenda libre de ata cinco anos de antigüidade situouse nos 2.255,3 euros por metro cadrado ata setembro, o que supuxo un avance do 4,2 % en comparación ao mesmo período do ano anterior. Non entanto, o prezo da vivenda libre de máis de cinco anos rexistrou un incremento superior, xa que avanzou un 6 % en taxa anual, ata os 1.911 euros. Por municipios de máis de 25.000 habitantes, o máis caro foi Santa Eulalia do Río, en Baleares, con 5.363,9 euros, e o máis económico é Puertollano (Cidade Real), con 598,1 euros.

Un guindastre xunto a un edificio en construción propiedade dunha inmobiliaria
Un guindastre xunto a un edificio en construción propiedade dunha inmobiliaria | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

En relación á vivenda protexida en España, o prezo medio do metro cadrado nos nove primeiros meses do ano foi de 1.167,8 euros por metro cadrado, un 0,3 % máis que no mesmo período do ano anterior. Finalmente, o número de tasacións inmobiliarias utilizadas para realizar o cálculo dos prezos da vivenda ata setembro foi de 153.621 vivendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta