Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 16/09/2018 | Actualizada ás 12:00
Naqueles casos en que confundimos unha cousa con outra ou en que tomamos unha cousa por outra, así como tamén naqueloutros en que xuntamos ou tratamos de xeito conxunto cousas que non se poden xuntar nin tratar conxuntamente, é habitual en castelán escoitar, sobre todo en medios de comunicación de masas, a expresión mezclar # confundir churras con merinas. Mais, dado que se trata de situacións que, en maior ou menor medida, resulta natural que se produzan na vida de todas as persoas, o galego tamén creou e desenvolveu non poucas expresións que dan conta dese mesmo contido. Botémoslles unha ollada:
Mezclar # Confundir # Juntar churras con merinas
{= 1. Confundir as cousas, tomar unha cousa por outra. 2. Xuntar ou tratar conxuntamente cousas que non se poden xuntar nin tratar conxuntamente.}
Mesturar # Confundir # Xuntar allos con bugallos
Mesturar # Confundir # Xuntar allos con cascallos
Mesturar # Confundir # Xuntar fabas con castañas
Mesturar # Confundir # Xuntar papas con verzas
Ex.: El columnista, en su artículo, mezcla churras con merinas y falsea la realidad a su antojo.
O columnista, no seu artigo, mestura allos con bugallos ‡ xunta allos con cascallos ‡ mestura fabas con castañas ‡ mestura papas con verzas e falsea a realidade ó seu antollo.
● Tamén:
Mezclar # Confundir # Juntar ajos con cebollas && Meter uvas con agraces && Mezclar aserrín con pan rallado
Mesturar # Confundir # Xuntar allos con cebolas ‡ o allo co bugallo ‡ sapos con bolboretas ‡ o birimbao coa gaita
Ex.: Sigue defendiendo que hay muchos políticos que no tienen la más mínima vergüenza y no dudan en juntar churras con merinas para intentar defender sus posturas o las de su partido.
Segue a defender que hai moitos políticos que non teñen a máis mínima vergoña e non dubidan en xuntar allos con cebolas ‡ o allo co bugallo ‡ sapos con bolboretas ‡ o birimbao coa gaita para tentar defender as súas posturas ou as do seu partido.
● E inda tamén, asociadas a contextos de uso máis familiares e rexistros máis coloquiais, e usadas máis ca nada co verbo confundir:
Confundir el tocino con la velocidad # la velocidad con el tocino # el culo con las cuatro témporas
Confundir o touciño coa velocidade # a velocidade co touciño # o cu coas catro témporas # o cu coas calzas # o cu cos calzóns && [E TAMÉN, NUN REXISTRO INDA MÁIS COLOQUIAL, E MESMO VULGAR]: Confundir a lúa cos collóns de becerro # cos collóns de porco
● Incluso tamén, gardando certa relación, só en determinados contextos asociados coa primeira das “acepcións” e dando a entender que alguén está totalmente equivocado sobre algo:
Ti[Vós, El(es), Ela(s)] cres[credes, cre, cren] que a carriza aniña nun arame, pero aniña nos buracos das paredes
NOTAS:
1. É de notar que estas expresións son tamén susceptibles de seren utilizadas naqueles contextos en que alguén está a falar de algo e vai outra persoa e se pon a falar doutra cousa coa que, segundo a primeira, non garda relación, polo cal esta pode retrucar o seguinte:
¿(Y) Qué tendrá/tiene que ver el tocino con la velocidad? & ¿(Y) Qué tendrá/tiene que ver el culo con las cuatro témporas? & ¿(Y) Qué tendrá/tiene que ver el aserrín con el pan rallado? …
¿(E) Que terá/ten que ver o touciño coa velocidade? & ¿(E) Que terá/ten que ver o cu coas catro témporas? & ¿(E) Que terá/ten que ver o birimbao coa gaita? & …
2. Velaquí un pequeno repaso a léxico que se cadra é descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):
Bugallo: substantivo masculino Excrecencia arredondada que se forma en certos vexetais e árbores, coma no carballo, provocada pola infestación de insectos parasitos. Nos meus tempos de cativo era habitual ver os nenos xogar con bugallos. Sinóns.: bailarete, bugalla, bullaca, bullaco, carrabouxa, carrabouxo.
Cascallo (DRAG): substantivo masculino 1. Conxunto de fragmentos miúdos de pedra, como os que se usan na construción de pavimentos. Botáronlle cascallo ao camiño para logo asfaltalo. Sinóns.: grava, grixo, pedregullo, pedrullo. [NESTA ACEPCIÓN VÉN A CORRESPONDERSE CO CASTELÁN GRAVILLA.] 2. Conxunto de fragmentos dun edificio derrubado ou de residuos dunha construción. Hoxe saíron dous camións de cascallo desta obra. Sinóns.: cascote, entullo, rebo. Confrónt.: cachote.
Verza (DRAG): substantivo feminino 1. Folla da col. Caldo de verzas. 2. por extensión Planta da col. Botou a tarde recollendo verzas para o gando. Sinóns.: coella, coia.
Birimbao: substantivo masculino Pequeno instrumento musical consistente nunha barriña de ferro curvada a xeito de ferradura e cunha lingüeta de aceiro no centro que se fai vibrar co índice da man dereita mentres se ten coa esquerda o instrumento entre os dentes. [TRÁTASE DUNHA VOZ NON RECOLLEITA A DÍA DE HOXE NO DRAG, POLO QUE PARA A SÚA CODIFICACIÓN ESCRITA OPTAMOS POR REFLECTIR A REPRESENTACIÓN GRÁFICA –EN PRINCIPIO PODERÍANSE MANEXAR TAMÉN OUTRAS OPCIÓNS, COMO BIRIMBAU, BERIMBAO OU BERIMBAU– QUE SE RECOLLE COMO LEMA NO TESOURO INFORMATIZADO DA LINGUA GALEGA (TILG).]
Bolboreta (DRAG): substantivo feminino 1. Insecto pertencente á orde dos lepidópteros, do que existen múltiples especies, que ten dous pares de ás de variadas e vistosas cores cando é adulto e un aparello bucal en forma de trompa que lle serve para chuchar o néctar das flores. Unha avelaíña é unha bolboreta nocturna. O verme da seda é a larva dunha bolboreta. Sinóns.: choruma, papoia, paxarela. 2. Estilo de natación realizado en posición prona, con movementos de rotación simultáneos e coordinados dos brazos, mentres que as pernas baten na auga xuntas cun movemento ondulatorio. Tardou en perfeccionar o estilo bolboreta. Sinóns.: coella, coia. [COMO SE PODE COMPROBAR, AS DÚAS PRIMEIRAS ACEPCIÓNS CORRESPONDEN Ó CASTELÁN MARIPOSA.] 3. Peza de roupa, polo xeral de uso masculino, que se anoa ao redor do pescozo en forma de lazada ríxida coas puntas simétricas. A bolboreta é un complemento elegante, con certo aire desenfadado e urbano. Sinón.: lazo. [ESTA TERCEIRA ACEPCIÓN –SUPOMOS QUE XUNTAMENTE COAS LOCUCIÓNS “GRAVATA DE BOLBORETA” OU “GRAVATA BOLBORETA”, COMA EN PORTUGUÉS– DÁ CONTA DO QUE EN CASTELÁN SE COÑECE COMO PAJARITA.]
Témporas (DRAG): substantivo feminino plural Cada unha das estacións do ano e comezo delas. As témporas do nadal, de abril, do san Xoán, de outono etc.
Calza (DRAG): substantivo feminino 1. Peza de vestir que cobre desde o pé ata o xeonllo ou a coxa. Puxo as calzas. Confrónt.: media. 2. Historia Peza de vestir que cubría toda a perna ou só a coxa. Levaba unhas calzas longas.
Calzón (DRAG): substantivo masculino 1. Pantalón antigo que ía da cintura ao xeonllo. O calzón, peza tradicional galega, aínda o levan os gaiteiros. 2. Peza de roupa interior masculina que cobre da cintura para abaixo, cada perna por separado, cunha lonxitude variable. Leva as súas iniciais nos calzóns. Confrónt.: zaragolas. [ESTA TERCEIRA ACEPCIÓN CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN CALZONCILLO.] ▲ Sinón. para todas as acepcións: cirola.
Touciño (DRAG): substantivo masculino Graxa que ten o porco por debaixo da pel, particularmente a da barriga e a do lombo. Derretendo o touciño faise a manteiga. Confrónt.: lardo, unto.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:
- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.