Temas: FRASEOLOXíA

“Don diñeiro é gran cabaleiro”, unha das equivalencias galegas para o castelán “poderoso caballero es don dinero”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/12/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Que a riqueza e o diñeiro dan poder, e que así mesmo se constitúen en variables que adoitan determinar, en non poucos casos, a conduta e actuación da xente respecto dunha persoa en función de se esta dispón de moitos cartos ou non, son certezas que xa nos veñen de vello. E como non podía ser doutro xeito, esta realidade quedou fixada paremioloxicamente en non poucas linguas, como imos ver deseguido en relación co castelán e mais co galego.

Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo

Poderoso caballero es don dinero

{= Paremia con que se salienta o poder e influencia dos cartos.}

Don diñeiro é gran cabaleiro

O diñeiro é gran cabaleiro

[E MAIS]:

Non hai mellor cabaleiro ca don diñeiro

O diñeiro é cabaleiro

[E MESMO]:

Podente cabaleiro é don diñeiro

Ex.: Incluso el mundial de fútbol de Catar se trasladó a diciembre porque poderoso caballero es don dinero.

Mesmo o mundial de fútbol de Qatar se trasladou a decembro porque don diñeiro é gran cabaleiro porque o diñeiro é gran cabaleiro porque non hai mellor cabaleiro ca don diñeiro.

● Tamén, só en certos contextos, e nesta mesma liña:

O diñeiro fai o cabaleiro

● Tamén, gardando relación, en contextos, e abundando no mesmo significado:

Donde # Cuando don dinero habla, todos callan

Onde # Cando o diñeiro fala, todos calan && Cando fala o diñeiro, cala o mundo enteiro && Onde o ouro fala, a lingua cala && [E MESMO, NUNHA LIÑA SEMELLANTE]: Cando o diñeiro fala, a verdade cala

● Tamén, aplicables en función dos contextos, e seguindo na mesma liña de salientar a forza e poderío do diñeiro e da riqueza:

El dinero es la palanca del mundo entero && El dinero gobierna el mundo

O diñeiro é o amo do mundo enteiro && Os cartos gobernan o mundo && O diñeiro goberna o mundo && [E MESMO]: Quen ten din ten don

● E incluso tamén, igualmente empregables en contextos, e gardando certa conexión:

Con dinero todo es hacedero

Con diñeiro e maña todo se amaña && Coa prata todo se alcanza && [E MESMO, EN ÁMBITOS DE USO MÁIS COLOQUIAIS E FAMILIARES, E MESMO NUN NIVEL DE LINGUA VULGAR]: Quen ten prata fode e mata

● E inda tamén, en certos contextos, formando enunciado de seu e incidindo no mesmo tema:

Diñeiro, diñeiro, que no mundo enteiro fuches sempre o primeiro

● Ou mesmo, tamén en contextos, e facendo fincapé no valor dos bens materiais:

Asno con oro alcánzalo todo

Burro cargado de ouro alcánzao todo

NOTAS:

1. En canto ao contido ou significado que transmiten, estas paremias gardan certa relación (tanto é así que mesmo nalgún ca outro contexto poderían algunhas das paremias de ambos os dous artigos confluír) coas correspondentes á castelá tanto tienes, tanto vales, que abordaremos na seguinte entrega.

2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001.

- OUVIDO ALGURES: conta de Instagram.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pereira Ginet, Tomás: “Fiando paremias (I): glosario paremiolóxico multilingüe galego, portugués, castelán, francés, italiano e inglés”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 191-223. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta