A Xunta aprobou un 80% dos parques eólicos nun tempo récord para telos listos no 2019

Industria utilizou a Lei de Implantación Industrial, coñecida pola oposición como Lei de depredación industrial, para sacar adiante estes proxectos. “Por iso esta normaiva tiña xustificación”, defende Feijóo.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 13/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta aprobou un 80% dos 35 parques eólicos previstos nun tempo récord, algúns deles en cuestión de meses. O obxectivo é que todos eles estean listos en 2019 para que Galicia volva situarse como unha potencia a nivel do estado neste tipo de enerxía. “Sin esa lei sería imposible que todos estiveran feitos en ano e medio”, dixo un Feijóo orgulloso das tres poxas eléctricas para explotar esta enerxía.

Antes e despois da repotenciación do parque eólico do Cabo Vilán
Antes e despois da repotenciación do parque eólico do Cabo Vilán | Fonte: QPC

De feito, o presidente galego destacou a oportunidade que Galicia ten para o desenvolvemento do sector eólico a través dos 35 proxectos identificados nas tres poxas de enerxías renovables, celebradas polo Estado entre 2016 e 2017. Con este mecanismo, o Goberno central pretende cumprir co escenario obrigatorio en materia de enerxía renovable establecido por Europa, polo que os proxectos desenvolvidos ao abeiro destas tres poxas deben entrar en funcionamento antes do 31 de decembro de 2019.

Feijóo insistiu en que normas como a Lei de implantación empresarial está a impulsar o sector, dando facilidades ao seu desenvolvemento e “velando, á vez, polo cumprimento de todas as garantías urbanísticas, técnicas e ambientais”. Entre as medidas destacan a creación da figura de declaración de especial interese (28 dos 35 parques identificados contan xa con ela) que permite outorgar unha maior axilidade administrativa para que se cumpran os prazos; o rexistro eólico ou a simplificación e racionalización do procedemento. 

“Por iso esta lei tiña xustificación”, dixo o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para defender a axilización de proxectos eólicos que diferentes asociacións teñen criticado por pasar por algo declaracións de impacto ambiental, paisaxístico e arqueolóxico.

37 PROXECTOS

Actualmente, Galicia ten identificados un total de 37 proxectos, dos cales 35 son do sector eólico, un de biomasa e outro de enerxía fotovoltaica. Deses 35, un xa está en funcionamento –trátase do parque eólico Fontesilva promovido en Coristanco por EDP cunha potencia de 7,2 MW–; dous teñen a autorización de explotación –os parques Muxía I e II, promovidos tamén por EDP cunha potencia de 46 e 22 MW, respectivamente)–; 20 parques teñen autorización de construción e 12 proxectos están en tramitación.

O presidente da Xunta no parque eólico de Malpica
O presidente da Xunta no parque eólico de Malpica

Deste xeito, Galicia conta con 23 proxectos con autorización administrativa cunha potencia total de 540 MW, o que supón o 77% do total para acadar o obxectivo de que a Comunidade conte con 700 MW máis de enerxía eólica en 2020 e chegar, así, aos 4000 MW en funcionamento.

Para conseguilo, os promotores que obtiveron retribución eólica na terceira poxa (xullo do ano pasado), deberán cumprir os compromisos adquiridos e conseguir a autorización administrativa antes do 13 de outubro, unha vez que os da segunda poxa (maio de 2017) xa a conseguiron no prazo estipulado: o pasado 4 de agosto.

“UNHA OPORTUNIDADE”

O impulso da enerxía eólica en Galicia supón para a Xunta “unha oportunidade económica” pola xeración de emprego que leva consigo e polos beneficios que outorga aos concellos mediante o canon eólico, ademais dunha aposta pola mellora do ambiente. “Por outra banda, dá resposta ás Directrices enerxéticas de Galicia, que recollen aumentar a produción de enerxía renovable ata 2020 cun investimento de 1300 millóns de euros”, engade.

Ademais do desenvolvemento eólico, estas directrices contemplan o impulso ás fontes de enerxía renovables autóctonas, entre as cales se inclúen tamén a biomasa –na cal o exemplo máis destacado é a construción dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa en Curtis cunha potencia de

49,9MW- ou a fotovoltaica, cun proxecto que se desenvolverá no marco das poxas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 agnóstic@

Tanta presa non será para acadar un sillón no consello de administración dalgunha importante eléctrica das que nos están a roubar descaradamente? Como non pode presentarse a "presi" nacional do seu partido por aquelo das amizades perigosas, poidera ser que...

1 Estrepia

Galiza exporta entre un 30% e un 40% da producción eléctrica actual, imos ter que pagar o suplemento territorial máis elevado de todas as CCAA, e ainda porriba, a partir do 2019, exportar máis, ver os eólicos destrozando os nosos montes, as presas os nosos rios, e os consumidores de a pé ver incrementando as súas facturas da luz. O capital a seguir enchendo o peto...