Por Galicia Confidencial | Ourense | 14/09/2018 | Actualizada ás 17:44
O Parque Natural do Invernadoiro volve ser castigado polo lume. Un incendio forestal iniciado na tarde deste venres na parroquia de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso, afecta este espazo protexido.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación enviou dez medios aéreos e unha brigada de especialistas en extinción ao incendio. En concreto, á zona desprazáronse tres avións anfibios Canadair de 5.500 litros de descarga da base de Lavacolla, en Santiago, así como dous anfibios de 3.100 litros de Rosinos, en Zamora.
Tamén se desprazaron dous avións de carga en terra de 3.100 da base de Xinzo e un avión de comunicacións e observación da base de León que envía imaxes aéreas do incendio en tempo real.
Para complementar o labor dos medios aéreos, desprazáronse tamén á zona unha Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais da base de Laza en Ourense e unha Unidade Móbil de Meteoroloxía e Transmisións da mesma provincia.
O incendio golpea O Invernadoiro só tres días despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciase os traballos de restauración nas zonas afectadas polos lumes provocados por raios o pasado mes de agosto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.