Porque foron as mesmas agrupacións as que permitiron que se chegase a esta situación, primeiro coa Xunta de Galicia e logo coas distintas intervencións xudiciais. Este paripé electoral soamente serve para darlle legalidade á liquidación do Centro Galego.
Xa sinalei no anterior artigo, cal foron os erros e dei a opinión que esta entidade medica pase a ser parte da sanidade pública. Por outro está o patrimonio cultural do Centro Galego. Desde fai algúns anos xurdiron varias opinións que demostraban a súa preocupación polos bens culturais que alí se atopan, como a Xunta, dando garantías da súa preservación, cando foi a principal responsable desta creba económica.
Organismos culturais de Galicia solicitando que estes fondos sexan levados a Galicia, cando é de propiedade moral do pobo arxentino e da colectividad galega deste país. Nas distintas mencións faise referencia á importancia dos legados artísticos e culturais que ten esta entidade.
Entre as obras que están inventariadas atópanse firmas maiúsculas, como as de Luís Seoane, Castelao, Laxeiro, Fernando Álvarez de Sotomayor, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, o pintor uruguayo Juan Manuel Blanes, cunha obra de gran tamaño cun valor de mercado superior aos 300.000 dólares, ou o recoñecido artista arxentino Benito Quinquela Martín. Tamén os debuxos de Xose María Cao entre outros. Tamén durante tantos anos acumulouse obra de pouco valor artístico, produto das donacións. O certo é que a biblioteca ten un gran valor histórico, tamén o arquivo fotográfico e fílmico. Moitos dos materiais foron esquilmados polo Concello da Cultura Galega, para o uso exclusivo da camarilla intelectual do neo piñeirismo.
A pregunta ante a posibilidade de que este edificio sexa vendido a unha empresa privada ou pase a mans do Estado arxentino: é que facer cos bens culturais do centro?. Para min non hai a menor dúbida que deben de quedar na Arxentina. A outra pregunta é onde localizar eses bens? A arxentina ten o que lle falta a Galicia, un museo da Emigración Galega MEGA, na Federación de Asociacións Galegas, que agora foi bautizado co nome do seu fundador Paco Lores. É un museo que día a día vai crecendo e tería que ser o espazo natural de todos os legados históricos, das entidades galegas da emigración.
Malia esta análise aínda non está dita a última palabra. O que si está claro que a mellor solución para a entidade, para a historia da institución, para os socios e para os traballadores é que o centro Galego pase a depender da asistencia sanitaria deste país.