A Universidade de Santiago defende a investigación científica responsable

A USC aproba o seu Código de Boas Prácticas en Investigación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/09/2018 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou o Código de Boas Prácticas en Investigación (CBPI) co obxectivo principal de axudar a entender o que significa a responsabilidade no exercicio da investigación e igualmente servir á comunidade científica co fin de definir un marco xeral de auto-regulación.

Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago
Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

As boas prácticas na investigación baséanse nun “conxunto de principios fundamentais de integridade na investigación que permiten guiar o persoal investigador non só no seu traballo senón tamén no seu compromiso cos retos metodolóxicos, éticos e intelectuais inherentes á práctica da investigación”, detalla o documento aprobado este venres polo Consello de Goberno da USC.

As boas prácticas afectan o procedemento e os resultados da investigación, e inclúen aspectos relacionados coa súa planificación, desenvolvemento e seguimento, co rexistro dos resultados obtidos e a súa publicación e difusión e co posible uso do coñecemento xerado pola sociedade. O CBPI identifica tamén responsabilidades profesionais, legais e éticas, e recoñece o papel e relevancia da universidade como institución na que se organiza e desenvolve a investigación. Neste senso, recolle “pautas, principios e recomendacións aplicables a calquera tipo de investigación que se desenvolva en calquera disciplina científica na universidade”.

A USC asumiu a obriga de desenvolver este Código no marco da Estratexia de Recursos Humanos de Investigación (HRS4R polas súas siglas en inglés) e que, no caso da USC foi recoñecida pola Unión Europea a través de EURAXESS-Research in Motion coa acreditación ‘HR Excellence in Research’ en febreiro do ano 2017 confirmando o compromiso para xerar e manter unha contorna estimulante e motivadora para o desenvolvemento da investigación na USC.

O Código foi elaborado pola secretaría técnica de seguimento da HRS4R e revisado polo Comité de Bioética da USC, seguindo as indicacións recollidas no documento 'Recomendaciones del Comité de Bioética de España' con relación al impulso e implantación de buenas prácticas científicas en España e tendo en conta os principios da Declaración de Singapur sobre a Integridade na Investigación, da Carta Europea do Persoal Investigador e do Código de Conduta Europeo para a Integridade na Investigación, así como os códigos de boas prácticas científicas doutras entidades e institucións públicas e a lexislación e normativas aplicables, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta