Os axentes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en pé de guerra contra a Xunta

Os axentes forestais e medioambientais advirten ao Goberno galego de que tomarán as medidas legais que consideren oportunas se non rectifica a súa proposta sobre horarios, réxime de traballo e compensacións económicas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os axentes forestais e medioambientais do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia rexeitaron a nova proposta de acordo da Xunta de Galicia sobre horarios, réxime de traballo e compensacións económicas que se está a negociar para esta escala.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

Os traballadores consideran que a proposta do Goberno galego "non recolle a realidade e as condicións excepcionais" das funcións que desempeñan. O acordo, lembran, "prometía regular a situación alegal" na que este colectivo traballa "dende hai anos, extraoficialmente", xa que, oficialmente, está suxeito a Orde do 21 de marzo de 2005, onde non existe ningún regulamento específico para os postos de traballo do Parque.

"Levamos anos presentado propostas á Consellería, e se ben é certo que sempre se recoñeceu a necesidade do seu regulamento, non se deu ningún paso en ningún sentido para solucionalo. Agora que xurdira a posibilidade de darlle un empaque legal a esta situación, fan unha proposta que queda lonxe de recoñecer as características singulares dos postos de traballo onde os axentes do parque desempeñan as súas funcións", denuncian.

Dende a declaración do Parque Nacional, o réxime de traballo dos axentes vén desenvolvéndese "extraregramentariamente" en quendas de sete días, as 24 horas do día sen saír das illas, tendo a semana seguinte de descanso. Cada xornada divídese en oito horas de traballo efectivo en período ordinario e 12 horas en período extraordinario, e o resto das horas de dispoñibilidade absoluta, xa que ao finalizar o traballo efectivo se segue permanecendo no posto de traballo, isto é, nas illas, a disposición das necesidades e continxencias que se poidan dar no parque e dos seus visitantes. Malia isto, a Xunta non recoñece que este réxime de horario e de traballo é equiparable durante todo o ano ao período extraordinario e que has horas de dispoñibilidade absoluta son horas tamén de traballo, argúen os axentes.

Deste xeito, os axentes do parque alertan de que están a facer unha quenda ininterrompida de 168 horas cada semana de traballo, coa única compensación de acumular por cada sábado, domingo e festivo traballado, un día máis de descanso a gozar ao longo do ano sempre e cando as necesidades do servizo o permitan, e por cada día traballado unha dieta de manutención completa. Todo isto, din, "sen regulamento algún".

"Hai que ter en conta que o resto dos compañeiros da escala que traballan en terra teñen, por regulamento, dereito por cada 12 horas de garda a 36 horas de descanso coma mínimo e a media dieta de manutención, polo que o agravio comparativo é evidente. Só fai falla aplicar unha sinxela regra de tres", expoñen.

Os axentes consideran "excesivo" que teñan que facer un mínimo de 336 horas ao mes, 168 máis que o resto dos axentes de Galicia en período extraordinario e 195 horas máis ao mes en período ordinario, e non se lles recoñeza ningunha compensación, tanto económica como laboral, ponderada e proporcional ás características especiais do seus postos de traballo.

"É dicir, a Xunta pensa que, a cambio de 14 euros, pode obrigar aos seus traballadores a permanecer entre 12 e 17 horas diarias máis no seu posto de traballo a disposición do servizo despois de rematar a súa xornada laboral efectiva. Isto de traballar pola comida foron outros tempos, e se queren servizo 24 horas todo o ano terán que compensalo dalgunha maneira", advirten.

MEDIDAS LEGAIS

Os axentes do Parque Nacional resérvanse a posibilidade, se non lles quedara máis remedio, de tomar as medidas legais oportunas contra o novo acordo se non recolle nin recoñece as características extraordinarias dos postos de traballo nos arquipélagos e as compensacións as que, por as mesmas, tiveran dereito. 

"Esperamos que a Xunta reflexione e corrixa esta anomalía, que de darse por boa polos sindicatos, implicaría que a Xunta está en condicións de obrigar aos funcionarios a estar no seu posto de traballo as horas que lle apeteza a cambio de darlles aloxamento e pagarlles a comida, sen ter en conta as especificidades e singularidades dos postos de traballo e contravindo o máis elemental exercicio da conciliación da vida familiar e laboral", expoñen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Agora que marcha para Coruña a máxima responsable da vosa desfeita xa deben estar a tremer os funcionarios municipais. O PP é todo eficiencia