Por E.P. | VIGO | 01/10/2018 | Actualizada ás 18:43
O PP de Vigo anunciou este luns que solicitará persoarse na causa xudicial aberta para investigar o accidente do Marisquiño, e farao "por responsabilidade cos vigueses" e "para coñecer a verdade". Así o anunciou en rolda de prensa a portavoz do grupo municipal e presidenta local do partido, Elena Muñoz, quen lembrou que os 'populares' pediron "explicacións" desde o primeiro momento após o sinistro, pero que o alcalde, Abel Caballero, respondeu con "mentiras e descualificacións".
A ese respecto, lamentou que o pleno extraordinario sobre o accidente fose unha sesión de apenas 15 minutos e que, posteriormente, o goberno local fixese valer a súa maioría absoluta para vetar unha comparecencia do rexedor. "Se nos foron pechando tódalas portas, pero dixemos aos vigueses que iamos utilizar todos os mecanismos políticos e xurídicos á nosa disposición para chegar até o fondo e así o faremos", incidiu.
Elena Muñoz subliñou que o PP "non se vai a calar" e que seguirá insistindo e traballando para que os vigueses saiban a verdade porque "o merecen". "Queremos que isto non volva ocorrer e por tanto o alcalde non vai conseguir calarnos nin con ameazas, nin con insultos, nin con descualificacións", proclamou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.