Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/10/2018 | Actualizada ás 20:34
As universidades de Santiago (USC) e Oxford, o Instituto Pasteur de París, a Universidade de Stanford e o CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) son algunhas das dezaoito institucións de todo o mundo que colaboran no primeiro curso mundial de microbioloxía de acceso aberto en liña a través de Twitter. Un total de 21 profesores e investigadores utilizarán esta rede social como ferramenta para ensinar e comunicar o coñecemento científico.
Cunha frecuencia de tres clases por semana, cada lección abordará un tema diferente. Entre outros, o profesor da USC Jesús L. Romalde falará sobre patoxenicidade e virulencia bacteriana; Marta Cortesao, do Centro Aeroespacial Alemán-DLR sobre microbioloxía espacial; ou Jorge García-Lara, da Universidade de Central Lancashire (Reino Unido) sobre a ruta microbiana cara o cancro. Vacinas e antivacinas, resistencia aos antimicrobianos, microbiota intestinal, patóxenos ou guerra microbiolóxica son tamén algúns dos temas que se discutirán durante o curso.
METODOLOXÍA
Usando unha linguaxe simple e concisa, o obxectivo é comunicar a ciencia a unha audiencia xeral fóra da contorna académica usando unha rede social como Twitter. As conferencias consistirán entre 30 e 40 declaracións axustadas ao tamaño de tuits con enlaces asociados, páxinas web relacionadas, blogs, noticias e especialmente imaxes e vídeos.
O curso levarase a cabo durante sete semanas (entre o 2 de outubro e o 15 de novembro) con clases programadas todos os martes, mércores e xoves a partir das 17:00 horas (UCT / GMT +2). Os chíos partirán da conta @SEMicrobiologia e programaranse para publicarse cunha frecuencia dun chío por minuto. Non é necesario un rexistro previo ao curso.
O alumnado pode seguir facilmente este curso aberto masivo en liña a través dos seus dispositivos móbiles ou ordenadores, xa sexa vivo en directo á hora programada ou máis tarde, sempre buscando o hashtag #EUROmicroMOOC. Este mesmo será o que deberán utilizar os estudantes para interactuar cos conferenciantes. Todas as clases serán en inglés e compilaransen e almacenarán en liña usando a ferramenta aberta Wakelet.
Esta iniciativa está organizada e coordinada polo grupo de Ensino e Difusión de Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) coa colaboración da Federación de Sociedades Europeas de Microbioloxía (FEMS).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.