Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/10/2018 | Actualizada ás 19:19
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitará o Debate sobre o Estado da Autonomía, para avanzar as liñas nas que traballará o Executivo autonómico co fin de "planificar a Galicia da próxima década, a que empeza co Xacobeo de 2021 e "está chamada a ser a mellor da historia" da autonomía.
Así o trasladaron fontes da Presidencia da Xunta, na véspera da xornada de arranque do debate de política xeral, o segundo do terceiro mandato de Feijóo á fronte da Xunta. O presidente prepara a súa intervención co seu equipo máis próximo e consultando aos conselleiros cando o require.
"O Ano Santo será a mellor estrea dunha década que empezamos a planificar na segunda metade desta lexislatura", aseveran desde a contorna do presidente galego, que, ademais de facer un repaso dos "logros" realizados mediante "o cumprimento do plan estratéxico" de Galicia até 2020, avanzará que en 2019 a Xunta remitirá ao Parlamento unha nova folla de ruta para "seguir planificando a Galicia do futuro". Feijóo pretende trasladar que a Xunta "non traballa pensando nas eleccións, senón nas próximas xeracións" e, por iso, "planifica máis aló de 2020".
CONTRAPOSICIÓN CO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Do mesmo xeito, o xefe do Executivo, que tamén anunciará novas medidas fiscais, prevé contrapor a "debilidade" do Goberno de Pedro Sánchez, que provoca que "a inmediatez condicione a axenda política" estatal, coa "estabilidade" do Goberno galego, que "pode planificar a longo prazo a Galicia que herdarán as próximas xeracións".
Trazará, deste xeito, as "liñas mestras" do seu proxecto para Galicia "seguindo o que fixo desde 2009", en relación a apostar por unha comunidade que "cre novas oportunidades, máis benestar, cun territorio mellor ordenado e preparada para a chegada da AVE", así como lista para acoller cada vez "a un maior número de turistas".
FEIJÓO ARRINCA O DEBATE
O Debate sobre o Estado da Autonomía arrincará este martes ás 10,00 horas co discurso do presidente galego, sen límite de tempo. Xa pola tarde, responderanlle os grupos. O mércores presentaranse e negociarán as propostas de resolución, que serán sometidas a votación o xoves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.